Igualdade e o CIM alzan a voz para conmemorar o 25N esixindo a fin dos minutos de silencio

530
  • A xornalista Sara Vila Alonso, galardoada en 2019 co premio ‘Comunicar en igualdade’ polo seu traballo ‘O noso toque de queda, será a encargada de elaborar o manifesto deste ano

Baixo o lema central ‘Xa abonda de minutos de silencio’, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra volverán alzar a voz para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, converténdose “no berro das que non teñen voz” e reivindicando que a loita feminista continúa máis viva que nunca “por nós, polas que virán, polas que xa non están”. O programa de actividades deseñado neste contexto marcado pola pandemia, elaborado en coordinación co Consello Municipal da Muller, arrancará mañá co despregue dunha lona co lema central no balcón da Casa Consistorial e o inicio dunha orixinal campaña gráfica con carteis circulares en cor negro e morado en diferentes rúas da cidade, nos que poderán lerse unha morea de consignas inspiradas no movemento feminista e nas manifestacións do 25N de 2019: ‘O silencio tamén mata’, “O machismo é terrorismo’, ‘As rúas e as noites tamén son nosas’, ‘O meu corpo non precisa da túa opinión’, ‘Hai homes con medo ás mulleres sen medo’, ‘Cada 15 segundos unha muller é agredida no mundo’ ou ‘Un maltratador non é un bo pai’.

O programa, que inclúe un Obradoiro de Autodefensa Ciberfeminista e o xa iniciado ‘Namórate de Ti’, foi presentado hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, quen anunciou que “o manifesto deste ano será redactado pola xornalista Sara Vila Alonso, galardoada en 2019 co premio ‘Comunicar en Igualdade’ polo traballo ‘O noso toque de queda’ e que loita día a día dende o seu posto no Diario de Pontevedra pola erradicación das violencias machistas, a defensa das vítimas e a colaboración co CIM”. Blanco, que estivo acompañada pola directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda, asegurou que “se a situación sanitaria e as restricións o permiten, farase unha lectura pública dese manifesto o propio día 25 novembro a mediodía, nun espazo aberto, de xeito que, cumprindo coas distancias e con tódalas medidas de precaución, a cidadanía que o desexe poida sumarse ao acto”.

A edil socialista indicou que tanto o despregue da lona como a campaña gráfica coa instalación dos carteis con diferentes lemas pretenden “simbolizar a alianza do feminismo institucional co activismo feminista e, nun ano no que as restricións impostas por mor da pandemia do coronavirus dificultarán a realización das mobilizacións masivas dos últimos anos, levar á rúa os berros e as reivindicacións en contra das múltiples violencias que sufrimos as mulleres pola razón de selo”. “Os carteis da campaña gráfica -aclarou- colocaranse esencialmente nos contornos de colexios, institutos e Campus Universitario, e máis en concreto nas rúas Celso Emilio Ferreiro, avenida de Compostela, 12 de Novembro, Joaquín Costa, Benito Corbal e avenida de Bos Aires”.

Un Obradoiro de Autodefensa Ciberfeminista o 18 de novembro

Segundo precisou Yoya Blanco, o día 18 de novembro dará comezo un Obradoiro de Autodefensa Ciberfeminista que se desenvolverá online ao longo dos días 18, 19, 25 e 26 de novembro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. “Este taller -subliñou- terá por obxectivo formar a mulleres, especialmente ás pertencentes a asociacións e colectivos feministas e tamén ás mozas do Consello da Muller Nova, sobre as estratexias de autodefensa, empoderamento e denuncia das violencias machistas nas contornas dixitais. A autodefensa na rede é un xeito de responder ante as violencias que nela se reciben, moi especialmente as mulleres. Se a ciberviolencia existe é porque existe violencia no mundo real, e o que pasa na rede tamén forma parte do mundo real”. 

Tal e como afirmou, “a autodefensa e o apoio colectivo ten como obxectivo responder a quen agreda e apoiar ás vítimas do acoso aproveitando a inmensa capacidade de Internet de crear redes de apoio e acompañamento”. Yoya Blanco asegurou que este obradoiro é un dos primeiros que se realizan en Galicia con estas características e estará dirixido por Andrea Momoitio, de Pikara Magazine. 

Ademais deste taller, a Concellería de Igualdade e o CIM xa puxeron en marcha o pasado 3 de novembro, en colaboración coa animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira, o obradoiro de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía ‘Namórate de Ti’. Cunha duración total de 12 horas repartidas en catro sesións, nas que se combinan os formatos presencial e online, está dirixido principalmente a mulleres desempregadas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social. “O seu obxectivo é que as participantes aprendan a quererse e valorarse a si mesmas, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto, ao tempo que promoverán a súa unión social e cooperación grupal”, sinalou Yoya Blanco.

Esta actividade culminará cunha exposición das fotografías realizadas, escollidas e acompañadas de textos explicativos creados polas propias participantes, que se instalarán nos escaparates dos comercios dunha rúa céntrica a partir de finais de novembro, para que toda a poboación de Pontevedra poida vela.

Os casos denunciados non creceron pola pandemia

A directora do CIM asegurou que este período de pandemia non se traduciu por fortuna nun incremento importante no número de casos de violencia de xénero, manténdose unha media de catro consultas diarias e podéndose atender todas elas “como de costume”. Rosa Campos constatou que o servizo “non está para nada colapsado”, xa que tivo “un reforzo de atención psicolóxica que se notou, non existe lista de agarda e tódalas urxencias se poden ir atendendo segundo se producen”. “No peor dos casos -matizou- a agarda é como máximo dunha semana, pero en xeral están funcionando á perfección tanto o teléfono gratuíto de atención (900 119 741) como o correo (igualdade@pontevedra.es). Hai que lembrar que o teléfono non ten custe para as usuarias e que conta cun contestador, polo que sempre se chama posteriormente ás persoas que deixan as súas mensaxes. Ademais, tamén rechamamos ás usuarias ás que non se lles contestase por calquera motivo”.

Campos sinalou que “pese ao confinamento, este ano non haberá moita diferencia con respecto aos anteriores”. Non obstante, admitiu que, “unha vez que se levantou o confinamento, si houbo días de bastantes chamadas telefónicas (o teléfono tiña horario de 9:00 a 21:00 horas), nos que resultaba complicado respostar a todas”. 

A directora do CIM amosouse crítica con determinadas administracións e servizos públicos, como Sepe, Seguridade Social e Sergas, “que non respostaron como deberían e que precisan dunha maior dotación de persoal”. Por outra banda, Campos aludiu a un aumento “de denuncias e casos dende os centros educativos, nos que estaban involucrados menores de idade, o que antes era moi raro”.