Inicio Áreas Parques e naturaleza Enil Xunqueira de Alba

Enil Xunqueira de Alba

A de Alba é unha das tres grandes xunqueiras que rodeaban a cidade, e que foron parcialmente invadidas durante o século XX mentres a cidade medraba. Se a do Cobo foi desecada para edificar enriba dela os diversos centros educativos, e posteriormente o Campus Universitario, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, nunha zona da de Alba chegou a localizarse nada menos que un vertedoiro de lixo urbano, que despois ocuparon varias estradas de acceso á AP9, a mesma autoestrada e outros nós viarios. En canto á de Ponte Muíños, de menor dimensión, tamén está parcialmente invadida. Aínda existe unha cuarta xunqueira, en Ponte Sampaio, esa si en bo estado de conservación.

En 2006 rematou o Plan de Saneamento Integral do Río, a Ría e as Xunqueiras, que eliminou as numerosas verteduras que existían en todo o contorno desta zona húmida, polo que mellorou significativamente a súa calidade ambiental. Previamente, unha intervención da Dirección Xeral de Costas do Estado realizara unha obra de axeitamento de sendeiros, marxes, pontes e camiños, que converteu a Xunqueira de Alba nun espazo natural visitábel e nun privilexiado miradoiro de fauna e aves, actividade para a que foi concibida unha atalaia localizada nunha zona próxima á senda que parte da ponte do Vao.

Son moitísimos os cidadáns que frecuentan a xunqueira, grazas aos seus agradables paseos e ás intervencións que nos últimos anos a mantiveron coma unha das áreas verdes máis senlleiras da comarca. Na actualidade está declarada como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

DESCUBRINDO O ENIL XUNQUEIRA DE ALBA

Este documental foi confinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) mediante axuda concedida polo GALP Ría de Pontevedra por importe total de 7.797,11 euros ao abeiro da Orde de 3 de agosto de 2021, da Consellería do Mar, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Obxectivo xeral:

O obxectivo xeral deste proxecto foi a realización dun documental sobre a Xunqueira de Alba, lugar que foi declarado Espazo Natural de Interese Local, sendo unha marisma de 48 hectáreas, e cuxa superfieice total alcanza as 67 hectáreas.

A Xunqueira ten un valor ecolóxico fundamental que inflúe positivamente na conservación medioambiental da Ría de Pontevedra e dado que este tipo de espazos axudan a: filtrar os axentes contaminantes e sólidos en suspensión, polo que este filtrado beneficia aos bancos marisqueiros da Ría pois este ecosistema é capaz de depurar refugallos nocivos, pesticidas…; contribúe a absorción das precipitacións evitando inundacións; almacena carbono; conservan e restauran os ecosistemas; e son fundamentais para a biodiversidade a que albergan especies en extinción e son lugares de reprodución e migración de moitas aves.

Ademais do dito anteriormente, o documental e as súas imaxes emblemáticas e innovadoras promocionarán a contorna da Ría como destino turístico, e axudan tamén á concienciación ambiental da poboación para a conservación do medio mariño e costeiro.

Resultados acadados:

O proxecto permite que a cidadanía en xeral coñeza a diversidade de especies que habitan nesta marisma, algunha delas en perigo de extinción, de xeito que se fomenten valores positivos de cara a protección da marisma e por ende da Ría de Pontevedra.

Enil Xunqueira de Alba