Nace en Vilalonga, Sanxenxo, en 1954. É o maior de dous irmáns. Na actualidade está casado e ten 4 fillos. Fíxose médico na universidade compostelana, despois de cursar o bacharelato en Pontevedra. Facía prácticas no Hospital Provincial da capital mentres traballaba nas bateas de Raxó. Máis tarde foi nomeado médico en Mosteiro – Pol (Lugo), onde pasa tres anos. Unha vez incorporado á Seguridade Social, destínano a Samos (Lugo), onde se estrea como concelleiro do BNG, cargo que desempeña durante un ano, ate que pode volver a Pontevedra, onde atopa praza no Ambulatorio Virxe Peregrina.

É elixido concelleiro de Pontevedra en 1987, como único representante do BNG. Desde aquela foi ascendendo en número de apoios ate 1999, ano en que é proclamado alcalde despois de obter 10 concelleiros. Os primeiros catro anos goberna a cidade en minoría. O segundo, o terceiro e cuarto períodos, co apoio do Partido Socialista.

A política

Aínda que sone un pouco raro dicilo, penso que a miña dedicación tanto á medicina como á política ten que ver co meu gusto polo contacto coa xente, por poder ser socialmente útil. Ten que ver cunha concepción da vida, coa necesidade de devolverlle á sociedade todo o que ela me deu.

O deporte

Sempre me gustou facer deporte. De neno xogaba ao “niche”, ao trompo e á billarda cos meus colegas. Gustábame pescar polbos co bicheiro e a raña, de xeito artesanal. Despois xoguei ao fútbol, de porteiro no Vilalonga. Máis adiante afeccioneime ao tenis. Agora, despois dunha operación, deixei o tenis e o fútbol polas cartas (sobre todo o mus) e a natación, que é o deporte máis recomendábel nestes casos.

A familia

Gozo moito da miña vida familiar, compartindo actividades domésticas, especialmente a cociña. Cociño unhas boas caldeiradas de polbo ou raia. Tamén os marmitakos e os cocidos son dous dos pratos de cabeceira. Son bastante bo cubrindo sudokus. Cada día fago un, polo menos, e canto máis difíciles son, máis me estimulan.

Libros, cinema, música

En canto á literatura, sonará a tópico, pero entre levar aos nenos a adestrar, ao instituto e a axenda propia do alcalde, quédame realmente pouco tempo para ler. Teño lido moito, sobre todo noutra época. Gosto de toda a literatura, da galega e da universal: Rosalía, Curros, Castelao, Manuel María, Xoán Cabana, Blanco Amor. Tamén os latinoamericanos… Benedetti, Galeano, García Márquez.

Cinema vexo bastante, especialmente en televisión. Se teño que elixir un filme este sería Alguén voou sobre o niño do cuco, especialmente aquela escena na que un protagonista racha os cristais para fuxir do manicomio. Tamén me gusta Spielberg.

E na música son de gustos clásicos… Dire Straits, coa guitarra e a voz de Mark Knopfler, ademais de Leonard Cohen. Tamén me gusta o folk que se fai no noso país. É moi meritorio o traballo de xente como Berrogüeto ou Milladoiro, só por citar algúns, xa que todos teñen un altísimo nivel. Tamén gozo coa música clásica e a de banda. Recoméndolles a todos unha pequena xoia: o violinista pontevedrés Manuel Quiroga é un dos meus últimos descubrimentos.

Miguel Anxo
Fernández Lores

Alcalde de Pontevedra

Alcalde de Pontevedra - Miguel Anxo Fernández Lores

X