Premio UE
Pontevedra gaña o
O Concello de Pontevedra foi o gañador do primeiro Urban Road Safety Award creado e concedido pola Unión Europea a través da Comisión de Mobilidade e transporte, no marco da European Mobilitiy Week, que recoñece as boas prácticas existentes nas cidades europeas en mobilidade segura e amábel. A Comisión Europea deu a coñecer o galardón o pasado 18 de maio.
Na súa xustificación, a Unión Europea alaba o gran traballo de Pontevedra na recuperación de amplos espazos públicos para o uso dos cidadáns, así como adoptar medidas tan vanguardistas na mobilidade como a limitación a 30km/h ou 10km/h. En definitiva, e tal e como recollen as bases do propio premio, poñer en marcha medidas holísticas para mellorar a mobilidade segura nas cidades.
Un dos principais problemas da mobilidade mundial, e tamén da europea, é o elevado índice de sinistralidade e mortalidade nas cidades, polo que a UE decidiu promover o Urban Road Safety Award para que servira de espello para outras cidades europeas.
Pontevedra competiu con outras 24 cidades europeas por este premio, das cales 10 eran españolas. Delas, Pontevedra resultou finalista xunto á cidade turca de Ordu e a polaca de Jaworzno. O xurado tiña que dar a coñecer o seu veredicto o pasado 30 de marzo, que por mor da pandemia mundial do Covid-19 quedou aprazado até o pasado 18 de maio.
A cidade do Lérez está pendente da entrega do premio que se fará en vindeiras datas nunha cerimonia organizada pola Comisión Europea en Bruxelas. O galardón será recollido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.