Santa María de Xeve salda unha débeda histórica co seu novo campo de herba sintética

19

O Concello de Pontevedra xa dispón do proxecto de remodelación do Campo de fútbol de Santa María de Xeve, en Gatomorto. Trátase dunha aposta do Goberno Local incluída no Plan de infraestruturas deportivas e que servirá para satisfacer unha demanda histórica dos veciños de Santa María. De feito a súa reforma xa fora programada e contratada con anterioridade pero houbo que paralo.

Para determinar as necesidades técnicas do campo, os arquitectos do despacho Santos&Mera que foron os encargados de elaborar o proxecto mantiveron contactos cos técnicos do IMD, tamén coa Xunta de Montes, o Club da parroquia e a asociación de veciños. Polo que o esforzo de negociación foi importante.

O resultado foi a creación dun campo de xogo de 105×63 metros. Disporá de catro vestiarios de xogadores e dous vestiarios para árbitros. Botiquín, enfermería e almacén. Segréganse as entradas de público e xogadores ao campo.

E este campo dispón dunha edificación que se rehabilitará e manterase con pedra tal e como está concebido. A maiores construirase unha nova edificación, na que estarán os vestiarios, seguindo os criterios de funcionalidade: nada de experimentos nin en materiais nin na construción. Disporá dunha zona acristalada e terá unha celosía. O obxectivo é que se lle poida sacar a máxima rendibilidade posíbel ao campo.

O campo cumprirá todos os requisitos exisidos pola Fifa para que poida ser un campo de competición oficial xa que o obxectivo é que se poida empregar a pleno rendemento tal e como son os campos da Xunqueira ou o futuro campo de Cerponzóns.

O custe do campo é de 971.479 euros.

O Concello puxo en marcha toda a maquinaria administrativa para sacar a licitación no mes de setembro tanto o proxecto de Gatomorto como o de Chan do Monte, e poder realizar toda a tramitación administrativa neste ano.