Luz verde de comerciantes e veciñanza á proposta de reordenación do tráfico no barrio do Burgo

15

O concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez, mantivo na tarde de onte unha xuntanza con comerciantes e empresarios do barrio do Burgo para explicarlles polo miúdo a proposta de reforma integral da rúa da Santiña e de reordenación do tráfico no barrio. Esta xuntanza súmase a xa mantida a semana pasada con representantes da Asociación Sociocultural do Burgo para dar a coñecer esta actuación que, a partires de agora, pasa á fase de deseño de detalle por parte dos servizos municipais. 

O deseño de detalle irá encamiñado, tal e como anunciara o concelleiro, a reordenar o tráfico de acordo coa filosofía do modelo de cidade, o que implicará a eliminación do tráfico de paso e de axitación e manterá tan só o tráfico necesario para o funcionamento do barrio.

A grandes trazos os principais cambios pasarán por inverter o sentido de circulación da avenida da Coruña (que pasaría a ser de subida en todo o vial); inverter o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda (da avenida de Compostela); inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída; e deixar a circulación en dobre sentido no treito histórico da rúa da Santiña (o treito máis próximo á rúa do Burgo). 

Estes cambios tamén levarán aparellada unha pequena obra para cambiar a zona de aparcadoiros da avenida da Coruña, de xeito que queden situados á dereita segundo o novo sentido da circulación (subindo).