Monte Porreiro ‘conéctase’ a todo o municipio co seu propio Metrominuto e cun Mapa Comercial

45
  • Yoya Blanco e o presidente da asociación veciñal O Mirador inauguran os tres monolitos instalados na rúa Alemaña, o contorno do centro da Uned e a rotonda de acceso á Ponte das Palabras

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o presidente da Asociación de Veciños O Mirador, Carlos Diéguez, inauguraron esta mañá nas inmediacións da panadería Acuña da rúa Alemaña un dos tres monolitos informativos de rúa instalados polo Concello cos novos Metrominuto e Mapa Comercial do barrio de Monte Porreiro. A edil socialista asegurou que os paneis recén estreados “reafirman a importancia que a urbanización ten para a Concellería, ‘conectándoa’ un pouco máis ao centro da cidade e ao resto do municipio e ofrecendo valiosa información sobre as 62 empresas comerciais e de servizos radicadas nela”.

Ademais do monolito colocado nunha das áreas de maior tránsito do barrio, foron instalados outros dous nas principais zonas de acceso a Monte Porreiro: un no contorno da rotonda que conecta a avenida de Bos Aires coa Ponte das Palabras e o outro nas proximidades do centro asociado da Uned. A súa ubicación foi consensuada co presidente de O Mirador, quen agradeceu a receptividade do Concello á proposta inicial do colectivo veciñal de deseñar un directorio de empresas comerciais e de servizos asentadas na urbanización.

O Mapa Comercial contén información sobre máis de 60 entidades, agrupadas en dez das rúas da urbanización: Alemaña, Reino Unido, Suecia, Grecia, Illa de Man, Francia, Armórica, Irlanda, Bélxica e Portugal. Non obstante, a concelleira Yoya Blanco decidiu enriquecer este directorio de negocios, enderezos e teléfonos, destinado a incrementar o coñecemento dos recursos de consumo de proximidade da zona, promocionar a actividade comercial e fortalecer as relacións sociais entre a veciñanza, cun Metrominuto específico de Monte Porreiro.

Os mapas, que seguen un modelo de cartografía convencional, non sinóptica, tamén serán distribuídos a través de impresións en papel. O Metrominuto da urbanización ‘conéctase’ co do centro de Pontevedra mediante puntos como a Uned, o parque do Miradoiro, o Mosteiro de San Bieito ou a Illa das Esculturas. A partires de aí, desenvólvense roteiros medidos en metros e minutos entre 20 puntos da zona, que ademais de no barrio, tamén se prolongan ata a rotonda de Montecelo, a N-541 (dende o cruce da rúa Portugal), a pasarela peonil da Illa das Esculturas e tres puntos da parroquia de Lérez: a rotonda da estrada de Campo Lameiro, o Mosteiro e o camposanto, ao que se pode acceder a pé desde o Centro de Saúde de Monte Porreiro, cruzando unha das dúas pasarelas sobre o Lérez próximas á estación de bombeo de auga potable.

O novo Metrominuto tamén contempla os percorridos das dúas principais áreas verdes do contorno: o parque do Miradoiro e as sendas do Lérez por ámbalas marxes do río, entre a pasarela da avenida de Bos Aires e as instalacións de captación de auga. O seu panel informativo inclúe un directorio telefónico dos principais equipamentos públicos municipais e centros educativos, deportivos e relixiosos do barrio.