O Concello inviste 2,8 millóns de euros no barrio do Burgo

51
  • Antes do remate do 2020 contratase a reforma integral da rúa da Torre e coñecerase o proxecto para a reforma integral da rúa da Santiña 
  • O investimento no conxunto do barrio responde a unha acción coordinada entre as concellarías de Obras Urbanas, Sostemento do Espazo Público, Parques e Xardíns e Urbanismo

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, fixo balance esta mañá do plan de actuacións no Barrio do Burgo que, entre as xa executadas, as que están en execución e as previstas no curto prazo, supoñen un investimento total de 2.850.000 euros. 

Un investimento que Demetrio Gómez enmarcou nos obxectivos do Goberno local para o que xa anunciara desde o inicio do presente mandato como “o mandato dos barrios, no que os barrios e as parroquias son obxectivo central do traballo deste Concello” indicou. Neste sentido, o concelleiro asegurou que o barrio do Burgo “é de especial interese para o Concello sobre todo a partir do remate da obra da ponte do Burgo”.

Así, o investimento responde a unha acción coordinada de todo o Goberno coa implicación, neste caso, de catro concellarías: Obras Urbanas, Sostemento do Espazo Público, Parques e Xardíns, e Urbanismo. “É unha actuación completa dentro do barrio que atende non só a facer reparacións das rúas, senón que conleva actuacións integrais en todo o espazo público do barrio e polo tanto é un proxecto do que nos sentimos especialmente orgullosos e orgullosas” asegurou Demetrio Gómez.

Rehabilitacións integrais previstas:

  • Calmado do tráfico na rúa da Torre: implica a rehabilitación integral do firme con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación da iluminación pública. Para esta intervención escolleuse o deseño das vías rurais de Pontevedra por ser o que mellor se adapta á configuración da rúa. O orzamento previsto ascende a 91.000 euros e será contratada no derradeiro terzo de 2020.
  • Reforma do parque de Pasarón contando coas achegas veciñais para mellorar este espazo de estancia, cun orzamento aproximado de 200.000 euros
  • Reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio. O plan de necesidades foi aprobado en asemblea veciñal e o proxecto está sendo redactado por Abalo e Alonso Arquitectos. O orzamento previsto desta actuación ascende a 1.500.000 euros e o concelleiro anunciou que o proxecto se dará a coñecer xa nas vindeiras semanas

Obras de tipo cirúrxico:

  • Rehabilitación da beirarrúa do pavillón dos deportes en Manuel Pintos, que se prevé que estea en execución no primeiro terzo do ano 2021
  • Rehabilitación da capa de rodadura nas rúas da Santiña (actualmente) e do Cordón (nas vindeiras semanas)
  • Creación de zonas de estancia e servizos na rúa do Médico Ballina entre os números 13 e 49. Implica a creación de prazas de aparcamento de servizos, a rehabilitación dos circuítos peonís e a dotación de mobiliario urbano accesible nas zonas de esparexemento e descanso

Actuacións executadas e en execución:

  • Avenida da Coruña. Rehabilitación integral da rúa para inverter o sentido da circulación, cunha proposta pactada en asemblea veciñal e un orzamento de 191.869,66 euros
  • Parque infantil Médico Ballina, cun investimento de 157.000 euros
  • Centro Social do Burgo. O máis de grande de Pontevedra, con máis de 600 metros cadrados. O plan de necesidades e deseño final fora pactado coa Asociación Socio-Cultural do Burgo e o orzamento ascendera 600.000 euros
  • Traseira do pavillón municipal. Creación de zona verde e de xogos tradicionais nunha nova parcela municipal cun orzamento 43.000 euros
  • Mural en homenaxe á señora Lola. Acción artística incluída dentro do programa A Memoria das Mulleres o do Plan de mellora da paisaxe urbana