A Tomba producirá o seu propio aceite con selo de calidade certificado

32
  • A plantación de oliveiras, que xa está practicamente rematada, ocupa 3,5 hectáreas do parque forestal e consta de máis de 3.000 exemplares
  • Trátase dunha experiencia piloto orientada a producir aceite  autóctono con selo de calidade, que conta co asesoramento da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, polo presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG), José Antonio García, polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, e por responsables da empresa adxudicataria Elsamex e de técnicos municipais, visitou esta mañá a plantación de oliveiras que se está a realizar no parque forestal da Tomba.

Trátase dunha experiencia piloto, que conta co asesoramento da APAAG, para estudar a adaptación das castes propias de oliveira de Pontevedra ao terreo e as posibilidades de explotación, de cara a producir aceite autóctono baixo selo de calidade certificado. Esta plantación, que está practicamente rematada, ocupa 3,5 hectáreas de terreo e consta de máis de 3.000 exemplares de oliveiras.

Miguel Anxo Fernández Lores, tras coñecer o estado da plantación e o proceso de obtención do aceite, asegurou que “esta experiencia piloto nos parece interesantísima porque vai no camiño de buscar alternativas para o sector primario, que está absolutamente desaproveitado, e para o monte, que maioritariamente está destinado a eucaliptos ao que non se lle saca rendibilidade”. Neste sentido, insistiu en que “o Concello de Pontevedra aposta por un investimento nos montes periurbanos porque pensamos que a longo prazo vai dar resultado, porque mellora a calidade de vida dos veciños, mellora o lecer, e tamén está abrindo camiños cara a novas actividades económicas que teñen moito que ver coas especies autóctonas, coa ecoloxía e coa calidade”. No caso concreto da plantación de oliveiras, cuxa explotación realizará a Comunidade de Montes de Campañó, asegurou que o obxectivo é “buscar un sinal de identidade diferente e que estes produtos teñan un selo de calidade propios da Galiza”.

Sobre os traballos da actuación completa no parque forestal da Tomba, Fernández Lores lembrou que todos os traballos de limpeza e eliminación de especies invasoras se realizaron a través de métodos físicos, sen utilizar ningún tipo de produto químico, e que a plantación de novas árbores (ao redor de 25.000 novos exemplares) retrasará o prazo de finalización en aproximadamente un mes. O alcalde explicou que a plantación prevista para a primavera ao coincidir coa paralización de actividades non esenciais fixo que as árbores tiveran que ser aviveiradas e posteriormente replantadas na Tomba, unha fórmula que finalmente non deu os resultados esperados. Así, as árbores que non prenderon, deberán ser substituídas por outras novas nos vindeiros meses, o que implicará unha prórroga no prazo de finalización desta actuación.