Máis de 40 locais comerciais xa están incorporados á campaña #eusonloureiro

19
  • A iniciativa, que parte da Concellaría de Obras para tratar de paliar os efectos da reforma da rúa, arrancou hoxe coa distribución de carteleri a polos establecementos adheridos.
  • O alcalde e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantiveron un encontro con algúns comerciantes aproveitando a instalación do primeiro monolito.

Esta mañá comezaron as primeiras accións da campaña de dinamización do comercio de Loureiro Crespo #Eusonloureiro que pon en marcha a Concellaría de Obras, que dirixe Demetrio Gómez, coa pretensión de minimizar os efectos negativos que as obras teñen sobre este sector. 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda achegáronse até o cruzamento da rúa Loureiro Crespo con Doce de Novembro para manter un encontro con comerciantes da rúa aproveitando a colocación do novo monolito que recolle os establecementos comerciais adheridos á campaña. Polo de agora, 42.

O alcalde lembrou que se trata dunha campaña para visibilizar o comercio da rúa mentres se atopa en obras co propósito de que os veciños e veciñas de Pontevedra se acheguen ao barrio a mercar. Lores asegurou que os comercios de Loureiro Crespo están a pasar un mal momento tanto pola pandemia, ao igual que o resto de establecementos da cidade, ao que hai que engadirlle ás molestias que ocasionan as obras “por iso intentaremos que neste Nadal se compre no barrio”.

Aproveitando a parada da construción con motivo das vacacións de Nadal, a Concellaría e a empresa adxudicataria, Covsa, tratarán que as zonas en obras se atopen o máis practicables posibles para que non interfiran nas comunicacións e nas compras de Nadal.

A campaña

#eusonloureiro é unha campaña ambiciosa que, ademais de promover as compras de proximidade, inclúe accións relativas á propia historia e á memoria do barrio a través de roteiros e exposicións. 

Ademais da parte gráfica, elaborouse un censo de todos os negocios da zona que incluíu a compilación de datos e material gráfico de cada un deles para utilizalo en redes sociais e nunha mostra que recolla a historia da rúa. 

Tamén se repartiron cartaces específicos para os locais comerciais, volantinas para toda a veciñanza. E nas vindeiras semanas farase unha instalación fotográfica coa historia do barrio que poderá visitarse facendo un percorrido polos escaparates dos establecementos comerciais. 

Tamén en decembro, está previsto un roteiro para coñecer o barrio e a súa historia e, aproveitando o Nadal, os comercios agasallarán aos clientes cunha pulseira co lema #eusonLoureiro