Comeza a reforma da segunda planta de Michelena 30

28
  • O Servizo municipal de Intervención será trasladado á Casa da Luz durante as obras, que teñen un prazo de execución de 2 meses
  • A reforma posibilitará unha reorganización dos espazos de traballo e a creación dunha sala con capacidade para celebrar xuntanzas presenciais atendendo á normativa Covid

A vindeira semana está previsto que o Servizo municipal de Intervención sexa trasladado á Casa da Luz por mor do comezo das obras de reforma do espazo que ocupan actualmente: a segunda planta das dependencias municipais de Michelena 30. Anunciouno esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías quen lembrou que esta actuación se enmarca nas obras de acondicionamento das dependencias municipais para adaptalas á normativa Covid, tanto no que atinxe á seguridade dos traballadores e traballadoras municipais como no relativo á asistencia e atención ao público.

Gulías explicou que o proceso de contratación se levou a cabo, ao igual que se fixera coa reforma da planta baixa das mesmas dependencias, a través dun procedemento negociado con convite a empresas locais da construción. “O que buscamos e que esta reforma teña o ADN das empresas de Pontevedra porque entendemos que neste momento é necesario” asegurou a portavoz do Goberno, quen lembrou que o arquitecto deste proxecto tamén é pontevedrés. 

A empresa adxudicataria desta reforma é Construcciones Ramírez S.L, que acometerá estes traballos por un orzamento de 278.594,18 euros e un prazo de execución de 2 meses.

Con esta reforma redistribuiranse os espazos e os postos de traballo do Servizo de Intervención e crearase unha nova sala con capacidade suficiente para celebrar xuntanzas presenciais, como por exemplo as mesas de contratación, atendendo ás distancias e normas de prevención da Covid.