O Concello destina máis de 1,5 millóns á rede de abastecemento de Tomeza

47
  • Esta rede dará servizo a 320 vivendas dos lugares de O Marco, Casal do Río, O Alcouce, O Pombal, Lusquiños, San Pedro e O Pobo
  • O investimento por vivenda ascende a preto de 5.000 euros

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías presentou novo proxecto de ampliación da rede de abastecemento no rural contemplado no contrato da auga. Trátase da ampliación da rede desde a ETAP de Lérez á parroquia de Tomeza, unha actuación que supón un investimento de 1.554.058,84 euros.

Esta ampliación está proxectada para dar servizo a 320 vivendas dos lugares de O Marco, Casal do Río, O Alcouce, O Pombal, Lusquiños, San Pedro e O Pobo. A portavoz do goberno indicou que o investimento por vivenda ascende a 4.856 euros e que dará servizo “a practicamente a totalidade da parroquia”.

O proxecto contempla 9,1 quilómetros de canalizacións que nalgúns puntos presentan, segundo indicou Anabel Gulías “certa complexidade”. Dunha banda, afecta a un tramo de 2,5 quilómetros do Camiño Portugués, para o que xa se están tramitando os permisos correspondentes, e doutra afecta ao xacemento da necrópole de San Pedro e a outros elementos catalogados, así como a 3,6 quilómetros de dúas estradas provinciais: a EP-0002 e a EP-0006.

A portavoz do Goberno explicou que no marco deste proxecto xa se comezou a executar un pequeno tramo no lugar de Lusquiños, que afecta a 5 vivendas, aproveitando as obras que se están a realizar no núcleo de centralidade e para evitar levantar o pavimento por segunda vez.

Esta rede de abastecemento non inclúe os lugares de A Carballa, Pumariño e Valadiña, que serán incluídos noutros proxectos.