A vida de Josefina Arruti en cómic para achegar a Memoria Histórica á mocidade

64
  • ‘Os berros da motocicleta’, da autoría de Kiko da Silva e Pablo Prado, será presentado esta fin de semana no Culturgal e enviarase ás bibliotecas e centros de ensino pontevedreses
  • Este venres colocarase un panel explicativo coa vida de Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome

“Agardamos que este cómic sexa ben acollido pola xente nova e que esperte a súa curiosidade, porque estamos convencidos de que coñecer esta historia será un antídoto contra o rexurdimento do fascismo” afirmou o concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda na presentación do cómic sobre a vida de Josefina Arruti Viaño. Este traballo, cuxa presentación se enmarca no Mes da Memoria do Concello de Pontevedra, leva por título ‘Os berros da bicicleta’ e foi realizado por Kiko da Silva, responsable do guión, e por Pablo Prado, autor dos debuxos. 

‘Os berros da bicicleta’, cunha tirada de 1000 exemplares, será distribuído nas bibliotecas e nos centros educativos pontevedreses e este domingo será presentado na programación do Culturgal (Teatro Principal, Espazo Libro ás 12h). 

Segundo explicou Xaquín Moreda “a idea de incluír banda deseñada dentro do programa A memoria das mulleres busca achegar á mocidade a historia da cidade con perspectiva de xénero a través das linguaxes da xente nova”. Así, esta iniciativa súmase a outras realizadas ao longo deste ano e que tamén incorporan linguaxes contemporáneas, como os obradoiros de rap realizados en centros educativos no pasado curso ou o mural da señora Lola, realizado polo pintor Yoseba Muruzábal diante de Pasarón. Nesta aposta polo cómic, Xaquín Moreda salientou a escolla do Garaxe Hermético, xa que Kiko da Silva é o seu director e Pablo Prado era o seu alumno durante a realización do libro, “por tratarse da única escola profesional de banda deseñada do país e que ademais está nesta cidade”.

Sobre a escolla da figura de Josefina Arruti como protagonista, o concelleiro asegurou que a súa vida “simboliza a magnitude do drama que tiveron que soportar as mulleres no franquismo, unhas veces por ideoloxía e outras simplemente por parentesco con homes perseguidos”. Neste sentido, lembrou que Josefina Arruti fora esposa do alcalde republicano, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e que por este motivo estivo encarcerada durante 18 meses e case dous anos máis sometida a arresto domiciliario, xunto cos seus tres fillos pequenos, na actual rúa de Benito Corbal. “Josefina ficou soa, sinalada, e pasou dunha situación acomodada a converter a súa casa nunha pensión” explicou.

Dentro do obxectivo do programa de A memoria das mulleres de investigar e dar a coñecer a parte máis descoñecida das historias das mulleres, tamén está previsto instalar (o vindeiro venres ás 12h) un panel explicativo coa vida de Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome.

Dous anos na procura de datos

“Este libro era complicadísimo porque case non había información” asegurou Kiko da Silva. De feito esta foi a causa pola que ‘Os berros da motocicleta’ ten autoría compartida, posto que nun comezo ía realizalo integramente Pablo Prado pero ante a necesidade de realizar un traballo de documentación exhaustivo, Kiko da Silva decidiu ocuparse do guión. “Realmente foron dous anos de busca complexos, buscando datos que moitas veces nin sequera a familia sabía claramente como eran” explicou Kiko da Silva. Indicou que mesmo a familia lles proporcinou planos debuxados á man de como era a casa de Josefina Arruti xa desaparecida.

A historia non está contada de xeito lineal senón que está estruturada en formato epistolar con flashbacks, aproveitando a circunstancia de que, segundo dixo Da Silva “a memoria e o cómic van da man porque funcionan da mesma maneira, porque non lembramos toda a nosa historia senón que o que lembramos son retallos”. O libro inclúe chiscadelas á Pontevedra dos anos 30, a feitos históricos como o asasinato de Alexandre Bóveda, instantáneas do álbum familiar da propia Josefina ou correspondencia dela co seu home que se conserva no Arquivo do Museo de Pontevedra. A filla e os dous fillos de Josefina Arruti, María del Carmen, José Ángel e Manuel, xa coñecen o libro posto que colaboraron na corrección de datos e, segundo indicaron Xaquín Moreda e Kiko da Silva, están satisfeitos co resultado e moi agradecidos por rescatar a memoria da súa nai con rigor.

Kiko da Silva quixo aproveitar a presentación do libro ante a prensa para parabenizar ao seu ex alumno, Pablo Prado (que non puido asistir por atoparse en Madrid), por este libro que foi o seu primeiro traballo profesional e que agora xa está abríndose oco no panorama nacional da banda deseñada. 

O debuxante tamén se referiu á finalidade de contar esta historia asegurando que “o que pasou Josefina Arruti foi durísimo e foi tremendo” e que é necesario dalo a coñecer “porque é importante concienciar á cidadanía e, sobre todo, á xente moza que non viviu esta calamidade para que non volvamos repetila”.