Carme da Silva: “Os orzamentos da Xunta son históricos porque son a historia de sempre”

141
  • A portavoz do grupo municipal do BNG asegura que nos orzamentos autonómicos do 2021 aparecen as mesmas partidas que nos de 2020 e anos anteriores e que quedan “sistematicamente sen executar”
  • O saneamento da ría, Montecelo, a residencia da terceira idade ou a variante de Alba, entre os proxectos reiteradamente reflectidos nos orzamentos da Xunta para a súa “non execución”

“O único histórico que teñen os orzamentos da Xunta de 2021 para Pontevedra é que son a historia de sempre, as mesmas partidas que se incluén ano tras ano, e que non se executan”, así de rotunda se pronunciou esta mañá a portavoz do grupo municipal do BNG, Carme da Silva tras coñecerse as partidas que o Goberno autonómico destinará no vindeiro exercicio para Pontevedra.

Neste sentido menciou a partida do proxecto de Montecelo da que asegurou que está incluída “euro arriba euro abaixo, coa mesma cantidade que nos orzamentos do ano pasado e non se executou”; o saneamento da ría que “sempre é o investimento máis importante dos orzamentos e non se executa”; ou outras partidas que “sistemáticamente se van repetindo, ben en partidas xenéricas ou en partidas como pode ser a variante de Alba, outra que aparece novamente nos orzamentos despois de que houbera unha vontade do Partido Popular e da Xunta de non executala”.

“Os orzamentos da Xunta poden cuantificalos nos millóns que queiran pero o certo é que exercicio tras exercicio esas partidas quedan sen executar e polo tanto a valoración é de son os mesmos orzamentos que traen sempre e o único que agardamos é que algo executen esta vez” afirmou Da Silva.

A concelleira tamén se referiu á valoración realizada polo Partido Popular asegurando que lle resultou “chamativo” que os “consideren un compromiso e un exemplo firme da alianza que Feijoo ten cos pontevedreses e a mostra dunha lexislatura histórica” porque, insistiu “o único problema é que esta calificación de lexislatura histórica e de orzamentos históricos é sobre os orzamentos do 2020 que agora remata”. Fixo fincape en que “non pode ser é que ano tras ano se cualifiquen de históricos uns orzamentos que están elaborados para a súa non execución”.

Neste sentido, afirmou que “son presupostos porque é evidente que son uns supostos previos que inclúen unha serie de partidas que despois non se executan” e asegurou que “botamos en falta un compromiso real e vontade política para executalos”.

Tamén avanzou que o BNG presentará unha enmenda á totalidade no Parlamento “non só polas partidas de Pontevedra senón polo total dos orzamentos, nun ano no que temos que facer fronte a decisións económicas que van afectar ao futuro de Galiza non só no vindeiro exercicio senón tamén no seguinte”.