Inscríbete a través da web municipal na xincana de mobilidade do sábado

42
  • A Concellaría de Mobilidade activa un espazo no web no que se poden coñecer as instrucións, percorridos e formulario de inscrición para participar na xincana.
  • As empresas e colectivos de skaters mantiveron esta mañá un encontro formativo co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez e a Policía Local sobre a nova ordenanza de mobilidade amábel.

A Concellaría de Mobilidade acaba de pór en marcha un novo sitio web no que se recollen as instrucións, percorridos e o formulario de inscrición para participar na Xincana de Mobilidade prevista para este sábado, 28 de novembro, a partir das 16.00 horas. Incluída dentro da Campaña SUMA, para difundir a Ordenanza de Mobilidade Amábel do Concello de Pontevedra, a xincana está aberta a toda a poboación, a participación é de balde e todos os asistentes terán un agasallo por sumarse á mobilidade amábel.

A Concellaría solicita a inscrición previa ben a través das tendas de bicicletas ben a través deste novo sitio web, para levar un control de participantes, e facer saídas graduais tal e como regula o protocolo Covid da proba e as directrices xerais da Xunta de Galiza.

O novo sitio web é https://www.pontevedra.gal/mobilidade/xincana/ e nel explícase que calquera persoa poderá participar facendo uso do seu patinete, bicicleta, VMP… e incluso a pé (neste caso exclúese ao coche privado) superando un dos tres percorridos que se propoñen: o percorrido rodado, o mixto ou coexistencia e o peonil. Tamén é posíbel facer os tres ou dous dos percorridos.

Cada ruta terá un punto de partida no que se poden coller os chalecos que identificarán as persoas participantes na xincana e o carné que se selará en cada ruta e que acredita ter feito o pecorrido ou percorridos propostos. En cada percorrido estarán persoas da organización selando os carnés.

Reunión con skaters

Ao mesmo tempo, a Concellaría de Mobilidade continúa coa súa rolda de xuntanzas formativas dirixidas a distintos sectores vinculados coa mobilidade na cidade. Na mañá de hoxe o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, mantiveron un encontro coas empresas e asociacións vinculadas ao mundo do skate. Asistiron a escola de skate Urban Culture Factory, Mission Surf Shop (tenda de skate e patíns), Playgroundstore (tenda de skate) e Fernando Ezequiel (skate e monitor).