O Teatro Principal acollerá o venres 4 de decembro a estrea pública do documental ‘Tras o Colón Galego, de Pontevedra ao Novo Mundo’

41
  • A peza audiovisual, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible, compila en 30 minutos as teses e indicios defendidos polas voces que reivindican a orixe poiense de Cristóbal Colón
  • Cofinanciouse a través do GALP Ría de Pontevedra, ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e a Consellería do Mar

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 4 de decembro ás 20:00 horas a estrea pública do documental ‘Tras o Colón Galego, de Pontevedra ao Novo Mundo’, dirixido e guionizado polo presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego ‘Celso García de la Riega’, Eduardo Esteban, e realizado e editado por Anxo Peláez e Fernando Portela. A peza audiovisual, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra e a Xunta de Galicia, compila en 30 minutos o argumentario e indicios (algúns deles novos) defendidos polas múltiples voces que reivindican que o almirante naceu na localidade pontevedresa de San Salvador de Poio e, polo tanto, a súa orixe galega.

O documental foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Principal nunha comparecencia na que se deu a coñecer o tráiler e distribuíronse os primeiros DVD da curtametraxe e que contou coa presenza, ademais de do propio Eduardo Esteban, do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e o cámara e editor Fernando Portela. Tal e como avanzou Puentes, “entre as testemuñas que protagonizan a curtametraxe figuran as de Vicente Cerdeiriña Vázquez-Ulloa, párroco de San Salvador de Poio; Francisco Rodríguez, director de Hércules Global e do Proxecto Galicia; Aquilino Fariñas, escritor e novelista e voceiro da Asociación Colón Galego; Bieito Rubido, xornalista e exdirector do xornal ABC; Carlos de Blas, membro da Enxebre Orde da Vieira, e Felipe Díaz Acosta, custodio da Catedral de La Habana”.

Na obra audiovisual, na que tamén aparecen a xefa do Arquivo Provincial, Ana Vicente Rivas, e o capitán da mariña mercante Manolo García Rodiño, sublíñase o crucial papel da publicación ‘Colón, español’ e do seu autor, Celso García de la Riega, iniciador e impulsor da teoría galega de Colón e primeiro intelectual en atacar abertamente a teoría xenovesa; e do presidente do Comité Pro-Colón Español e bibliotecario do Centro Galego de La Habana, Ramón Marcote, cuxa correspondencia co investigador, escritor e político Prudencio Otero inspirou o libro ‘De La Habana a Pontevedra. Tras los pasos del Colón gallego’ (unha parte do documental está gravado na capital cubana).

Un recurso didáctico, turístico, cultural e histórico para Pontevedra

Iván Puentes asegurou que “as investigacións e teses expostas nesta peza audiovisual permiten poñer a Pontevedra no mapa das viaxes de ultramar e da chegada a América, vencellándoa cun dos capítulos máis importantes da historia da humanidade e asociándoa coa biografía de Cristóbal Colón”. “Hai moitas cidades que xeran a súa actividade turística e económica en torno a episodios moito menos importantes que o descubrimento de América. É fundamental para cidades como Pontevedra -subliñou o edil-, que en moitas ocasións non se inclúen dentro do imaxinario de urbes clave na historia do país e que realmente si o foron, que se narre a nosa verdade sobre as orixes galegas dunha das máis célebres personaxes que o mundo coñeceu”.

Na súa opinión, os exhaustivos traballos e estudos de investigadores como Eduardo Esteban supoñen tamén “un recurso didáctico, turístico, cultural e histórico de primeira magnitude para a nosa cidade e para a ría de Pontevedra”, abrindo a posibilidade de xerar “itinerarios turísticos, roteiros de sendeirismo, rutas mariñas e mapas e material toponímico que teñan á figura de Colón como eixo vehicular”. Puentes indicou que a estrea do documental no Principal será de entrada gratuíta, se ben, por mor das actuais restricións sanitarias, estableceuse un aforo máximo dunhas 30 persoas. “Todas aquelas persoas interesadas en asistir poderán inscribirse a través da dirección de correo electrónico ‘porte@imaco.es’, deixando os seu nome, apelidos, teléfono de contacto e email. A entrada adxudicarase por estrita orde de inscrición”, explicou o edil do PSOE.

Segundo explicou Eduardo Esteban, “trátase dunha peza audiovisual que ten moito fondo, é moi densa, e o que se di nela require moita atención”, se ben “ten un carácter moi instrutivo e divulgativo e está pensado para chegar a colexios e escolares, xente maior e persoas volcadas na investigación sobre Colón”. O presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego agradeceu a implicación neste proxecto da xerente do GALP, Laura Nieto Zas, e do músico Roi Casal, “que cedeu a este traballo documental a música do seu disco de homenaxe a Neira Vilas ‘Son Cubano, Son Galego”.

Novas pistas, achados e declaracións

Esteban adiantou que o documental “achega cousas novas, unha base toponímica moi curiosa e declaracións de xente moi relevante que nunca antes se pronunciara publicamente”. “Actualízase moita información -apuntou- e danse a coñecer pistas e achados que serán de moito interese para investigacións, teses ou tesinas, mesmo no eido da xenética. Animo a todo o mundo a que o vexa, xa que vailles resultar moi interesante”.

Iván Puentes afirmou que “estamos ante un recurso didáctico e educativo moi interesante, polo que queremos que os centros de ensino e as facultades teñan á súa disposición unha curtametraxe de 30 minutos que achega probas convincentes desa tese do Colón galego cunha calidade excelente a nivel audiovisual”.

A elaboración e distribución deste proxecto audiovisual cofinanciouse a través do GALP Ría de Pontevedra, ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e a Consellería do Mar.

Xa é posible visionar o tráiler do documental a través deste enlace á canle de Youtube do Concello de Pontevedra: