O Concello avaliará o impacto de xénero na regulación do teletraballo

32
  • A Concellaría de Persoal contratará un estudo para determinar como o traballo desde o domicilio afecta ás desigualdades entre traballadoras e traballadores municipais, co obxecto de evitar incrementar ou abrir novas fendas
  • As conclusións do estudo coñeceranse no mes de febreiro e serán tidas en conta na negociación das normas para instaurar o teletraballo no Concello  

O Concello abordará a regulación e negociación do teletraballo para traballadores e traballadoras municipais desde a perspectiva de xénero, e para iso realizará un estudo previo sobre o impacto que esta modalidade de traballo está a ter sobre as persoas traballadoras segundo sexan homes ou mulleres. “Evidentemente non imos resolver a problemática da desigualdade laboral dun plumazo pero o que non queremos é afondar na fenda” asegurou esta mañá a concelleira de Persoal, Carme Fouces. O Concello está neste momento solicitando orzamentos para a realización do citado estudo, co obxecto de telo rematado a comezos de febreiro do vindeiro ano.

Fouces explicou que, segundo o Decreto Lei 28/2020 do 22 de setembro, as Administracións públicas deben ter en 6 meses instauradas e negociadas normas específicas para o teletraballo. Esta regulación debe contemplar o teletraballo como un xeito ordinario de traballo, máis alá da excepcionalidade da situación de pandemia. De cara a enfocar esta regulación, a concelleira de Persoal asegurou que “temos que estar moi pendentes de que o teletraballo non veña con algún retroceso e que non sexa como un cabalo de Troya sobre cuestións xa conquistadas e que poderían venderse como un paquete de teletraballo, conciliación e quedar na casa”. Neste sentido, insistiu en que é necesario prestar especial atención ao “colectivo de persoas traballadoras que se incorporaron moito máis tarde ao traballo asalariado regulado, que somos as mulleres, e que levamos moitos anos de retraso con respecto aos nosos compañeiros homes, porque a nosa incorporación laboral foi moito máis tarde e aínda hai moitas fendas”.

Carme Fouces explicou que este estudo “parte da hipótese de que o teletraballo concibido como un xeito ordinario de traballo traerá un marco laboral que pode propiciar un incremento da desigualdade entre homes e mulleres, prexudicando a estas na súa carreira profesional e na súas relacións laborais”. Será sobre esta hipótese de partida  sobre a que se realice a investigación para concluír ata que punto é correcta. Para iso, analizaranse, dunha banda, o Concello como Administración e, doutra, os postos de traballo susceptibles de teletraballar. Tras a análise, deseñarase un sistema de avaliación do impacto de xénero no teletraballo que permita sistematizar os resultados do estudo. En todo caso, a investigación non entrará no ámbito doméstico das persoas traballadoras.