O talento artístico sen fronteiras ten unha cita no Principal o 2 de decembro nun festival que servirá de colofón ao proxecto inclusivo Voces Ocultas

10
  • Estudo Bonobo e a Concellería de Benestar Social colaboraron coas asociacións Amencer, Amizade, Xuntos e Juan XXIII nun ano de traballo creativo condensado na peza audiovisual Aruna
  • Marcos Rey lembra que a iniciativa cumpre 5 anos neste curso 2020-2021 e salienta “a enerxía e convicción que lle puxeron os seus protagonistas para sacala adiante nun ano tan difícil”

A pesar da loita que os seus artífices tiveron que librar contra os duros golpes e dificultades impostas pola Covid-19, o talento artístico volveuse abrir paso neste 2020 no seo do proxecto de docencia e creación de equipos creativos inclusivos Voces Ocultas, impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e Estudo Bonobo en colaboración coas asociacións Amencer, Amizade, Down Xuntos e Juan XXIII. Un ano de duro traballo dun equipo diverso, inclusivo e integrado que acabou condensado nunha peza audiovisual titulada Aruna e que terá como colofón un festival de presentación que se celebrará o vindeiro mércores 2 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.

O coordinador da iniciativa, Gonzalo Maceira, avanza que o evento “revelará un proxecto de arte audiovisual pouco convencional, que dará moito que falar, unha viaxe psicodélica por unha historia creada en animación analóxica, onde música e imaxe van da man, xerando atmosferas e paisaxes futuristas dentro dunha aventura cargada de emoción e de mensaxes de esperanza”. Un periplo artístico que foi realidade grazas ao esforzo do colectivo de profesionais de Estudo Bonobo, coa axuda e dedicación de Sergio González, Alberto Castaño, Xulia Pisón e os usuarios de Amencer, Amizade, Juan XXIII e Xuntos.

Tal e como sinala Maceira, “nesta última etapa preséntase o traballo efectuado en forma dunha curtametraxe na que se conta a historia dunha moza chea de medos, dúbidas e frustracións, que sae a un mundo destruído e perdido onde terá que chegar a perder os seus sentidos para darse conta do gran talento e capacidade que en realidade leva dentro, mentres a sociedade non para de poñerlle trabas e obstáculos”. A falta duns últimos ensaios preparatorios, o responsable de Estudo Bonobo está convencido de que “o resultado non vai defraudar”.

Non obstante, as restricións sanitarias obrigarán a limitar o aforo do Teatro Principal a un máximo de 30 persoas, polo que só uns poucos privilexiados terán este ano a oportunidade de desfrutar deste espectáculo único, que protagonizan persoas con capacidades diferentes. Todos aqueles que desexen asistir ao festival deberán inscribirse previamente enviando o seu nome, apelidos, teléfono de contacto e email á dirección de correo electrónico ‘agonzale@pontevedra.eu’ (as butacas outorgaranse por estrita orde de inscrición, ata completar aforo).

Unha factoría de equipos creativos

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembra que o proxecto Voces Ocultas, “que naceu para dar voz a persoas con diversidade funcional da nosa cidade”, cumpre cinco anos neste curso 2020-2021. “O que comezou como un taller para inspirar a investigación no eido da musicoterapia con usuarios de asociacións para persoas con discapacidade -asegura o edil socialista-, rematou converténdose nunha factoría de equipos creativos interdisciplinares que dan vida a proxectos audiovisuais nos que as artes plásticas, o son, a música, a luz e a voz humana se unen para crear todo o que sempre quixeron facer e sempre pensaron que non eran capaces de realizar”.

Marcos Rey salienta “o derroche de enerxía e convicción que lle puxeron os seus protagonistas a este proxecto para poder sacalo adiante nun ano tan complicado” e afirma que Voces Ocultas permite “dar vida a unha historia escénica, audiovisual e musical que nos ofrece unha visión de nós mesmos e da nosa sociedade cunha carga artística fora do común”.

Segundo sinala a técnica municipal Ana González, unha das artífices da iniciativa, “o proxecto céntrase na creación de equipos cooperativos, no deseño de propostas musicais e plásticas e na unión delas para conseguir resultados en forma de produto audiovisual e escénico”. “Búscase analizar as capacidades de cada persoa para dar vida a unha multitude de experiencias e aprendizaxes artísticos e audiovisuais”, subliña González.