Yoya Blanco insta aos pontevedreses “a empregar este Black Friday para deixar máis cartos no comercio local e menos nos petos de Jeff Bezos”

12
  • A concelleira de Promoción Económica anima aos cidadáns “a ser #PonteLovers e a comprar agasallos a través dun marketplace moito máis interesante que Amazon: ‘E-Ponte.com’”
  • A socialista cre que “agora máis que nunca é o momento de facer compras intelixentes e espazadas e de apostar polos artigos de primeira calidade que ofrecen os nosos comerciantes”

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, instou hoxe “aos pontevedreses que teñan previsto empregar este Black Friday para adquirir algúns dos seus agasallos de Nadal a aproveitar para deixar máis cartos no comercio local e menos nos petos de Jeff Bezos, que sen dúbida vai ter unhas festas moito máis folgadas que a media dos nosos comerciantes”. A edil socialista animou aos cidadáns “a ser moi #PonteLovers e, dado que son moit@s @s que se deixarán levar pola voráxine desta xornada, a comprar agasallos a través dun marketplace que é moito máis interesante que Amazon, que se chama ‘E-Ponte.com’ e cuxa filosofía é exactamente a contraria que a dese xigante monopolista: mercar aos que están preto de nós nesta era de compra-venta online marcada pola pandemia”.

Non obstante, Blanco defende que “agora máis que nunca é o momento de facer compras intelixentes e espazadas no tempo, en lugar de concentralas nun Black Friday, que en moitas ocasións non ofrece realmente esas rebaixas tan apetecibles que anuncia”. “Se hai unha situación histórica para apostar polos artigos de primeira calidade que ofrecen os nosos comerciantes e para poñer en valor a súa atención especializada, estamos nela. Eu estarei dende logo moi atenta nestes días e semanas ás ofertas do noso marketplace e dos escaparates”, asegurou a concelleira de Promoción Económica e impulsora da plataforma #PonteLovers e de ‘E-Ponte.com’.