Yoya Blanco pon en marcha a poxa para a concesión das 55 bancadas e 9 casetas dispoñibles no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra

29
  • A concelleira de Promoción Económica levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación os pregos de licitación dos postos baleiros nas instalacións da rúa Serra
  • A oferta abrangue 52 bancadas de peixe e 3 de froita, 6 casetas interiores de carne e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa. Outorgaranse polo procedemento de libre concorrencia

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, vén de poñer en marcha o procedemento para a concesión das 55 bancadas e 9 casetas que están dispoñibles no primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra. A edil socialista levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación os pregos de cláusulas para acceder a estes postos baleiros na Praza da rúa Serra, que se outorgarán mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa.

En concreto, sacaranse a concurso 55 bancadas das 114 existentes no Mercado (hai 159 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten este primeiro andar (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas). Tal e como sinala Yoya Blanco, os que resulten concesionarios “deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos”.

As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros. As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento. Tódolos solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado.

Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa póla prestación de servizos nos mercados municipais, a saber: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92. Así mesmo, correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. 

Os interesados deberán acreditara súa solvencia

Yoya Blanco lembra que, para poder participar neste procedemento, “os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional”. Con carácter previo á súa aprobación definitiva, os pregos de condicións serán obxecto de información pública xunto ao proxecto de concesión. A estes efectos, os pregos e o proxecto publicaranse no perfil do contratante da sede electrónica do Concello de Pontevedra (sede.pontevedra.gal) durante un prazo de 30 días hábiles. 

Do mesmo xeito, publicarase un anuncio de información pública no BOP onde se determinará que os pregos e o proxecto de concesión se expoñen ao público durante 30 días hábiles. Durante ese prazo, calquera persoa poderá presentar reclamacións ou suxestións aos pregos de condicións e ao proxecto de concesión, que, de existir, serán resoltas polo órgano competente con carácter previo á súa aprobación.

As proposicións para tomar parte neste procedemento presentaranse na oficina de asistencia en materia de Rexistro do Concello durante o horario de apertura deste, durante os 30 días hábiles seguintes ao da publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Asemade, publicarase anuncio de licitación no perfil do contratante da sede electrónica do Concello durante o prazo para presentar proposicións de participación neste procedemento. Estes pregos estarán a disposición dos interesados no perfil do contratante da sede electrónica.

Tamén poderán presentarse proposicións por correo, se ben neste caso os interesados deberán acreditar, co resgardo correspondente, a data de imposición do envío na oficina de Correos e anunciar ese mesmo día ao Concello, por fax ou telegrama, a remisión da proposta. En todo caso, transcorridos 10 días naturais desde a terminación do prazo de presentación non serán admitidas proposicións enviadas por correo.