O director da Uned dálle o visto bo ao borrador do convenio que permitirá abrir os xardíns do centro asociado ao uso e desfrute de toda a cidadanía

18
  • Víctor González comunícalles ao tenente de alcalde, Tino Fernández, e ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que o acordo será levado o martes da vindeira semana á Xunta Reitora
  • A dirección tamén recolle a luva lanzada polo concelleiro de Educación para “empregar a gran plataforma online da Uned para trasladar a marca Pontevedra como modelo de vida e cidade saudable”

O director da Uned en Pontevedra, Víctor Manuel González, recibiu esta mañá de mans do tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Deportes e Saúde, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, o borrador do convenio que o Concello asinará coa Universidade Nacional de Educación a Distancia para a utilización pública como parque urbano dos xardíns que o centro asociado posúe no barrio de Monte Porreiro. Nun encontro mantido no propio centro e no que tamén participou o seu xefe de Negociado, Rafael Cotelo, o máximo responsable da Uned deulle o visto bo á sinatura deste acordo, comunicándolles a súa intención de que, unha vez que se lle engadan un par de flecos a este primeiro borrador, a proposta de convenio poida levarse á Xunta Reitora que se celebrará o vindeiro martes 1 de decembro para a súa aprobación (irá na orde do día como asunto de trámite).

Tal e como explicou no transcurso da reunión Iván Puentes, o Concello xa viña exercendo dende hai varios anos dun xeito informal as tarefas de mantemento dos xardíns do centro asociado, polo que o borrador de convenio elaborado pola asesoría xurídica municipal “o único que pretende é formalizar esa responsabilidade e acadar a cesión de uso desta valiosa zona verde para abrila ao desfrute de toda a cidadanía”. “En base a este acordo -sinalou o edil socialista- a Uned cedería o uso do terreo e a Concellería de Desenvolvemento Sostible asumiría formalmente o mantemento dos xardíns, así como diversas obras de mellora, entre elas a creación dunha nova zona de acceso dende a rúa Italia e dunha rede de sendas de ‘zahorra’ que permitirá moverse comodamente polos distintos rincóns do parque”. A posta en valor de diversos e sinalización de diversos exemplares senlleiros e a mellora do estanque tamén son actuacións contempladas.

O director da Uned amosouse convencido de que este convenio “é unha moi boa idea”, que permitirá “manter os xardíns, salvar algunhas árbores e plantar algunhas novas e darlle vida a un centro pertence ao barrio e que se ten que dar a coñecer á xente”. Tanto os concelleiros do PSOE como Víctor González coincidiron na pertinencia de organizar actividades que atraian á cidadanía ao centro asociado e en que o parque deberá permanecer pechado ao público en horario nocturno, sendo precisamente esa unha das condicións que a Uned engadirá na redacción definitiva do convenio co Concello.

No borrador plantéxase unha cesión por catro anos, prorrogables por outros catro, facendo fincapé no beneficio social que reportarán os investimentos municipais nestes xardíns.

Colaboración coa Feira da Saúde e na batalla contra a ludopatía

No encontro con González e Cotelo, o tenente de alcalde propúxolles abrir vías de colaboración coa feira PonteSan e coas actividades e accións específicas que a área de Saúde pretende poñer en marcha “ao longo de todo o ano, de xaneiro a decembro”, en materias como a loita contra o alzhéimer, o párkinson ou as ludopatías, “un problema que afecta cada vez a máis xente xoven, que ten acceso ao mundo das apostas dende o seu teléfono móbil”. “O da Saúde -subliñou Tino Fernández- é un ámbito ao que non se lle dá a importancia que merece e ao que lle queremos dar un pulo neste mandato, xa que, se ben non temos competencias directas, si que temos unha responsabilidade en materia de prevención, educación, didáctica e concienciación. Ademais de seguir proxectando a Feira da Saúde, implicando nela ás universidades, queremos buscar sinerxías co maior campus de Europa para celebrar cursos, obradoiros, charlas informativas e encontros virtuais”.

En opinión do concelleiro, “sería un verdadeiro privilexio poder empregar esa gran plataforma online da Uned para trasladar a marca de Pontevedra, tamén como modelo de vida e de cidade saudable, máis aló das fronteiras do noso municipio e da nosa comunidade, de xeito que chegue non só ás asociacións socio sanitarias de Pontevedra, senón tamén ao resto do mundo”.

O director da Uned amosouse moi entusiasmado con esta proposta de colaboración (que tamén se podería plasmar na sinatura dun convenio) e salientou as amplas posibilidades de espazo físico e virtual das que dispón un centro asociado que conta “cuns 4.400 alumnos inscritos no ensino regrado e uns 6.800 a través da área de Extensión Universitaria”. Unha área, esta última, da que, segundo se avanzou na reunión, Rafael Cotelo será nomeado máximo responsable na Xunta Reitora da vindeira semana.