Os Vermús de Pinto e Maragota regresan o 5 de decembro de xeito virtual cun faladoiro-concerto de Éric Dopazo titulado ‘Un Rapá Transquilo’

18
  • A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, explica que “o cantante, filólogo e activista reflexionará, entre vermús e cancións, sobre cuestións como a linguaxe inclusiva e a lei trans en debate”

Dadas as actuais restricións sanitarias que afectan á hostalería, a Concellería de Igualdade de Pontevedra decidiu celebrar en formato virtual o seu vindeiro Vermú de Pinto e Maragota, que terá lugar o sábado 5 de decembro ás 20:00 horas. Desta vez, o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco organizou un faladoiro-concerto titulado ‘Un Rapá Transquilo’, a cargo do filólogo, músico e activista trans ourensán Éric Dopazo, “que xa ten participado no programa municipal en encontros con alumnos de Secundaria e Bacharelato nos centros de ensino da cidade”.

Segundo avanza a concelleira socialista, “este pandémico formato dixital, cuxa retransmisión desenvolverase en directo a través da canle de Facebook de Pinto e Maragota, consistirá nun espectáculo no que Dopazo alternará reflexións sobre a realidade do colectivo trans, con cuestións como a lei en debate, a linguaxe inclusiva ou o seu actual proceso de transición, coa interpretación de distintos temas musicais de creación propia xunto con algunha ‘cover’”.

Éric Dopazo formou parte do dúo musical Canela Cafuné e actualmente compón e interpreta en solitario e participa en diversas colaboracións. Foi o creador da canción ‘Universo Diverso’, coñecida como o ‘himno’ de Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia. A súa canle de Youtube ‘Un Rapá Transquilo’ está de finalista do Premio Comunicación do certame #Youtubeiras2000.