Benestar Social recibe da Subdelegación do Goberno 13.000 mascarillas de protección para repartir entre os colectivos máis vulnerables

45
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro Marcos Rey supervisaron esta mañá no Parque Móbil do Estado a recollida do material, que se distribuirá a través de diversas entidades

O tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, desprazáronse esta mañá ata o Parque Móbil do Estado para supervisar a recollida das 13.000 mascarillas de protección que o Estado, a través da Subdelegación do Goberno, puxo a disposición do Concello de Pontevedra para repartir entre os colectivos máis vulnerables. O material recibido, organizado en packs de 50 unidades, forma parte da última remesa de 192.000 mascarillas que a Subdelegación distribuirá por toda a provincia e que os Servizos Sociais do Concello capitalino fará chegar ás persoas que máis o precisan a través de diversas entidades.

Tino Fernández asegurou que este operativo, o quinto posto en marcha polo Executivo de Pedro Sánchez dende o pasado mes de abril, suporá o reparto de case un millón de mascarillas en Pontevedra por parte do Estado, “o que, en paralelo á redución do IVA destes elementos de protección ao 4% e ao establecemento do seu prezo máximo en 0,62 céntimos de euro, pon de manifesto o compromiso e sensibilidade do Goberno central á hora de amparar nesta pandemia a aqueles que máis o precisan e impedir que ninguén quede atrás”. Tal e como avanzou Marcos Rey, o Servizos Sociais coordinaranse coas asociacións veciñais e entidades sen ánimo de lucro da nosa cidade “para que estes milleiros de mascarillas cheguen aos máis vulnerables coa maior celeridade e nas mellores condicións posibles”. 

Das 192.000 mascarillas que chegaron ao Parque Móbil grazas ás xestións da subdelegada, Maica Larriba, 45.500 serán para o municipio de Vigo, 6.000 para Vilagarcía de Arousa, 4.500 para Redondela, 4.000 para Cangas, 3.500 para Marín, 3.500 para Ponteareas, 3.000 para Lalín e 3.000 para A Estrada, mentres que a Deputación encargarase de distribuír 58.000 entre os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Asemade, entregaranse outras 48.000 mascarillas á Cruz Vermella, a Cáritas e ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi).