A Xoiería-Pratería Auri faise co primeiro Premio de Escaparatismo do proxecto Nova Terra

117
  • As tendas de roupa e de complementos Sunset Boulevard e Ton Sac ocuparon respectivamente o segundo e terceiro posto do concurso impulsado por #PonteLovers e a Deputación
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, salienta “a implicación dos 28 establecementos participantes e o enorme nivel dunhas decoracións belísimas e inspiradas na natureza”

Unha elaborada e detallista decoración que tiña como temática central ‘O mundo das abellas’ levou á Xoiería-Pratería Auri, situada na rúa Daniel de la Sota, a facerse co primeiro Premio de Escaparatismo do proxecto Nova Terra, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa Deputación Provincial. O xurado, composto por técnicos municipais e pola experta en Visual Merchandising Cany Juncal, valorou tanto o feito de que o tema elixido estivese “totalmente vencellado á filosofía de Nova Terra, promovendo o seu amor á natureza e á vida saudable”, como que o material empregado para a elaboración do escaparate fose natural, a base de elementos orixinais de colmeas (panais, cera, mel…), “evocando unha das actividades humanas máis antigas”.

Segundo constata a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “tamén se tivo moi en conta a creación e elaboración artística, tanto pola idea como pola procura de materiais, así como polo tempo empregado na elaboración de detalles que recreaban o contorno apicultor, chegando a reproducir incluso abellas en miniatura, flores de papel, un hexágono de madeira na porta do local e varios vinilos que evocaban celas dunha colmea no chan da entrada”. “A súa implicación no proxecto foi total, sendo a propia titular do comercio a que realizou todo o escaparate, axudada polos seus familiares”, sinala a edil socialista.

O segundo Premio de Escaparatismo Nova Terra foi para a tenda de roupa Sunset, un comercio situado na rúa Peregrina que destacou pola súa creatividade e habilidade para recrear a combinación de bosque e xardín no teito de entrada do negocio, a súa fachada o seu escaparate. Tal e como apunta Cany Juncal, Sunset “aplicou unha aliñación de hortensias sobre unha estrutura completamente artesanal que recibía aos clientes no arco de entrada da tenda”, destacando ademais pola creación “de liñas de follas naturais (en tons laranxas e ocres) situadas en perfecta harmonía e colocadas unha a unha polo titular do negocio”. “A composición rematouse cun ‘ploteado’ de gran tamaño dun fondo arborado que situou no escaparate. No que respecta á creación e elaboración, habería que destacar sobre todo a fidelidade coa filosofía que perseguía o proxecto”, matizou Juncal.

Por último, outorgouse o terceiro Premio de Escaparatismo á tenda de complementos Ton Sac, emprazada nas inmediacións da Glorieta de Compostela, “entre outras cousas, por teren sabido conxugar o ADN da súa empresa coa filosofía do negocio, empregando un material totalmente natural, con aplicación de diferentes verdes: magnolio, laureo, hortensia, fento…”. Yoya Blanco afirma que, á hora de avaliar este atrezzo, valorouse “a posta en escena, que seguiu unha liña continuista coa idea central do proxecto e que consistiu na realización de círculos protectores contra a Covid-19, situando un gran círculo no centro do escaparate, perfectamente decorado e rematado”. “O traballo -subliña- completouse coa recreación dun bosque protector que partía dun mesmo tronco”.

A concelleira de Promoción Económica fixo fincapé “na tremenda implicación de tódolos establecementos comerciais participantes para converter as rúas Peregrina, Daniel de la Sota, Castelao e Sagasta nun espazo fermoso, acolledor, sostible e harmónico”. Na súa opinión, “o enorme nivel dunhas decoracións belísimas e inspiradas na natureza non pasou desapercibido para a cidadanía e foron moit@s @s veciñ@s que nos felicitaron pola iniciativa”. “Cando me piden que o leve a outros puntos da cidade debe ser porque gustou, así que a miña intención é que Nova Terra se estenda por máis rúas e barrios cando as condicións sanitarias o permitan”, avanza Yoya Blanco.