Marko Dzokic, Caüe Herrera e Inés Martínez abren no CEIP A Xunqueira I o ciclo de charlas sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’

125
  • O edil de Educación e Deportes, Tino Fernández, subliña o carácter estratéxico desta iniciativa para concienciar aos máis pequenos “sobre a importancia duns hábitos de vida saudable”
  • Os obradoiros organizados polo Concello e a SD Teucro continuarán co alumnado dos colexios Vilaverde (xoves 3), Parada-Campañó (venres 4), Xeve, San José (xoves 10) e Froebel (venres 11)

Os xogadores teucristas Marko Dzokic e Caüe Herrera e a nutricionista do club pontevedrés, Inés Martínez, protagonizaron esta mañá no CEIP A Xunqueira I as charlas inaugurais do ciclo sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’, impulsadas pola Concellería de Educación e Deportes en colaboración coa SD Teucro. O acto de presentación destes primeiros obradoiros contou coa presenza da coordinadora da actividade, Laura del Castillo, e do tenente de alcalde, Tino Fernández, quen saudou á rapazada de Primaria e incidiu na importancia “de escoitar os consellos destes deportistas e das persoas que os asesoran para manter un estilo de vida saudable”.

O edil de Educación asegurou que este ciclo de charlas “se enmarca dentro das actividades estratéxicas que vén realizando a Concellería de Actividade Física e Saúde”, grazas á implicación da SD Teucro e á dos seus xogadores e corpo técnico. “Trátase dunha iniciativa fundamental -subliñou o edil socialista- para concienciar ás nenas e nenos sobre a importancia de manter hábitos de vida saudables para acadar un desenvolvemento físico e psicolóxico equilibrado, entre eles unha boa alimentación e a práctica de actividades físicas complementarias. A través destas charlas obtéñense moi bos resultados e hai un montón de colexios que están anotados, o que é unha proba evidente do interese que esperta a actividade”.

Os obradoiros continuarán o xoves 3 a partir das 9:00 horas con catro grupos do CEIP Vilaverde (Mourente), o venres 4 con outros tres grupos do CEIP Parada-Campañó, o xoves 10 con alumnos dos CEIP Santo André de Xeve e San José, o venres 11 con nen@s do Froebel e o martes 15 cos do San Martiño de Salcedo. Para o vindeiro mes de xaneiro xa están confirmadas tamén charlas cos pequenos dos colexios Álvarez Limeses e Campolongo.

A actividade está destinada a alumnado de 3º e 4º curso de Primaria e inclúe a distribución de kits de merenda saudable para os rapaces, de folletos informativos para as familias e de guías para o profesorado. Entre os obxectivos pedagóxicos do proxecto ‘Saúde, alimentación e actividade física’ contémplanse os de asociar a saúde coa mellora da calidade de vida, comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico, adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións e amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comportan hábitos pouco saudables (en particular os publicitarios). 

As charlas nos colexios teñen unha duración aproximada de 50 minutos e levaranse a cabo durante o primeiro trimestre escolar en grupos/aulas de entre 20 e 25 nen@s. Durante a sesión fíxose entrega a cada rapaz/a unha bolsa de tea cun kit de merenda saudable e un folleto informativo para as familias sobre alimentación e actividade deportiva.