Os avisos por desperfectos na cidade redúcense un 98% en nove meses

66
  • A área de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos constata  un descenso notable de avisos desde a posta en marcha do Contrato de Mantemento, desde os 50 da primeira semana de marzo a tan só 1 esta semana
  • As obras e actuacións no centro da cidade pararanse desde o 18 de decembro ata despois de Reis, co obxecto de facilitar a campaña de Nadal no comercio local

“Queremos a Estrela Michelín do mantemento urbano” asegurou esta mañá a concelleira de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde, tras facer un balance de todas as actuacións realizadas na súa área desde o mes de marzo ata a actualidade. A concelleira indicou que “o mantemento é vital se queremos manter os estándares de calidade na cidade, é como o comer, porque é necesario e imprescindible, pero temos que garantir ter unha dieta saudable e no Concello de Pontevedra queremos ir máis alá dunha dieta saudable, queremos conseguir a Estrela Michelín”. Neste sentido, resaltou que unha das evidencias dos bos resultados do traballo que se está realizando, é que os avisos por desperfectos no espazo público reducíronse a tan só 1 esta semana, fronte aos arredor dos 50 que se recibían a comezos do mes de marzo, o que supón un descenso do 98%.

A concelleira compareceu tras a Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos na que se deu conta, entre outras cuestións, do período de paralización das obras no centro da cidade de cara a favorecer a campaña de Nadal. Este ano as principais obras no centro pararanse na fin de semana anterior ao Nadal, o venres 18 de decembro, e retomaranse despois de Reis. Eva Vilaverde lembrou que “todos os anos intentamos favorecer o comercio local, e este ano con máis motivo, tratando de que as zonas especialmente comerciais estean o máis accesibles posible”. Para isto, desde as concellarías de Obras Urbanas e de Sostemento de Espazos Públicos paralizaranse tres actuacións principais. 

A primeira será a obra de Loureiro Crespo que, antes do 18 de decembro, terá rematado o  acondicionamento das beirarrúas para deixalas listas e libres de valados e material de obra, de cara a facilitar o tránsito peonil con comodidade e seguridade. Tamén se intentará deixar lista a capa de rodadura no tramo comprendido entre o Hospital e a rúa Doce de Novembro.

A segunda actuación é a reposición do novo firme e o acondicionamento da contorna da intersección entre Daniel de la Sota e Benito Corbal que, posto que as condicións meteorolóxicas impediron que estivese rematada antes do comezo da campaña de Nadal, retrasarase o seu comezo ata a volta de Reis. Deste xeito evítase que este punto da cidade estea cortado, así como as molestias e incomodidades que este corte provocaría na zona comercial. 

A terceira actuación é a relativa ao mantemento que se está a realizar nesta área, sobre todo no relativo ao arranxo e reforzo de pavimentos, que será intensificado ata o 18 de decembro. A partires do 18 de decembro, as brigadas abandonarán o centro e pasarán a atender rúas máis residenciais e da periferia.

Bo ritmo e obxectivos cumpridos

Eva Vilaverde aproveitou a súa comparencia para facer un somero balance do traballo realizado tras a posta en marcha do Contrato de Mantemento de Espazos Públicos o pasado 5 de marzo. A pesares de comezar a traballar baixo restricións e ter a actividade paralizada durante 15 días do Estado de Alarma, a concelleira salientou que nestes meses “os resultado é moi positivo e fomos cumprindo os obxectivos que nos puxeramos a partires dunha serie de prioridades”.

Entre esas prioridades, Vilaverde sinalou a revisión e acondicionamento do pavimento dos itinariarios peonís. Asegurou que foi “o traballo máis intenso” da área e que se traballou en todos os barrios da cidade, se ben o maior número de intervencións corresponderon á zona centro. Sinalou que as rúas con maiores incidencias corresponden coas que teñen máis sobrecarga de tránsito peonil e de carga e descarga, como as rúas Michelena, Benito Corbal, Arcebispo Malvar ou a rúa Castelao. 

Tamén neste período se realizaron obras de maior entidade como o arranxo dun tramo do carril bici na avenida Bos Aires, a creación dunha zona de aparcadoiro en Médico Ballina, un paso de peóns elevado en Pilar Bértola, o reacondicionamento de Xeneral Martitegui, o arranxo dun afundimento na avenida de Lugo, ou a canalización de augas no entorno do colexio Vidal Portela. 

Tamén mencionou a reposición da capa de rodadura en 20 rúas da cidade durante este período, o arranxo de mobiliario urbano, o pintado e tratamento da corrosión en farolas e semáforos e a substitución e arranxo de alcorques.