A campaña solidaria (en)Volve pulveriza a cifra dos 600 cómplices e recada 400 agasallos

24
  • A iniciativa impulsada pola Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños recibiu nun mes 536 cartas de nen@s e adolescentes para os colaboradores dos Reis Magos

A campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños, iniciou a súa recta final neste mes de decembro cunha cifra de 604 cómplices dos Reis Magos e de 400 agasallos recibidos. En apenas un mes, a iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún rapaz quede sen o seu presente nestas datas tan especiais, xa recibiu 536 cartas destinadas aos colaboradores das súas Maxestades de Oriente, tendo confirmada nestes momentos a participación na campaña de 563 nenos, nenas e adolescentes (en 2019 chegouse aos 588).

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “amosouse emocionado ante o derroche de xenerosidade e solidariedade dunha cidade que, mesmo nestas circunstancias tan complicadas para tod@s, sempre que se precisa dela, responde e vólcase con aqueles que máis o precisan”. “Esta iniciativa -subliña o edil socialista- fai posible que os pequenos máis vulnerables e as súas familias teñan a oportunidade de vivi-lo Nadal e de contaxiarse da súa felicidade. Nesta edición, a resposta cidadá foi tan grande que o número de cómplices supera con moito ao de cartas recibidas, cando noutros anos, a estas alturas, ían á par. Temos máis xente disposta a colaborar que persoas que precisan esa axuda, o que sempre é unha boa noticia”.

A campaña (en)Volve, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten en 2020 como principal novidade que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.

Todos aqueles que queiran converterse en cómplices dos Reis Magos este Nadal deberán encher un formulario que poderán completar e descargar a través do seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/1UHod8agNX4aKqF7ZJLKKLzaO4X3UyTPvnuoS1S7DJOY/edit. Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e dende a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños anímase a todo o mundo a adquirilos no comercio local.