Os proxectos de saneamento e abastecemento no rural xeran máis de 400 postos de traballo directo

31
  • O concelleiro responsable da xestión das melloras do novo contrato da auga, Raimundo González explicou que o impacto económico deste investimento multimillonario tradúcese, tamén, en traballo para 9 empresas de Pontevedra e a súa comarca.
  • Dende o punto de vista ambiental, os novos proxectos permitirán conectar máis do 90% das vivendas do concello á rede de abastecemento e de saneamento.

O concelleiro responsable da xestión das melloras do novo contrato auga, Raimundo González, fixo balance esta mañá do estado de execución dos proxectos de abastecemento e saneamento no rural pontevedrés, que supoñen un investimento de 58.028.000 euros. Este investimento millonario ten un dobre impacto: económico creando 417 postos de traballo directo en 9 empresas de Pontevedra e da súa comarca; e tamén ambiental, coa conexión de máis do 90% das vivendas do concello ao abastecemento e o saneamento.

Raimundo González explicou que “neste momento estanse a executar obras por valor de máis de 41 millóns de euros, é dicir, están en marcha o 71,3% dos 38 proxectos previstos nas melloras do novo contrato da auga”.

Este moi bo ritmo de execución mantense “pese á complexidade de todos os proxectos, xa que, por exemplo, supón asfaltar 239 quilómetros de vías”, explicou Raimundo González. Trátase de “proxectos complexos que estamos a executar en todo o rural que se están a desenvolver sen incidencias”; de feito, aclarou o concelleiro, que a Covid non influíu, agás “na necesidade dun esforzo de xestión porque non podemos facer reunións cos veciños e veciñas”.

O concelleiro desvelou o impacto económico destas obras. Por un lado, supón xerar 417 postos de traballo directos (inspectores, traballadores das empresas adxudicatarias…). A modo de comparativa indicou que o Concello de Pontevedra ten 500 traballadores, “é dicir, estamos a poñer en marcha, case, outro concello”.

E as nove empresas que están traballando nestas obras “son todas de Pontevedra e da súa comarca”, aclarou o concelleiro. “Para min é unha satisfacción enorme xerar estes postos de traballo e o valor engadido que queda aquí”; matizaba que os máis de 400 postos son “emprego directo”, xa que fóra destas contas quedan os postos indirectos e os inducidos.

Sobre o impacto ambiental, ao respecto do abastecemento de auga e só cos proxectos actuais, atenderase ao 91,5% da poboación “porque imos a incorporar a 3.154 novas acometidas”.

E sobre o saneamento e tamén só cos proxectos actuais en marcha, chegarase ao 97,62% da poboación xa que se van facer 809 novas acometidas. “E estas cifras incrementaranse cando teñamos rematado o 100% do investimento”, manifestou Raimundo González.