O alumnado do CEIP A Xunqueira II vólcase co comercio local a través dunha campaña creativa

611
  • O tenente de alcalde e edil de Educación, Tino Fernández, visitou hoxe o colexio para comprobar o resultado da cartelería realizada por nen@s de tódolos cursos de Infantil e Primaria
  • Os carteis da iniciativa, impulsada pola Anpa, serán distribuídos mañá entre os establecementos comerciais de Pontevedra polos propios rapaces en compañía dos seus pais e nais

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o CEIP A Xunqueira II para comprobar o excelente resultado da cartelería realizada polo alumnado do colexio co obxectivo de apoiar e poñer en valor o comercio local e de fomentar as compras de Nadal nas tendas da nosa cidade. A campaña creativa, que conta coa colaboración das áreas de Educación e de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, foi impulsada dende a Anpa do centro educativo e logrou implicar a nenas e nenos de tódolos cursos de Infantil e Primaria, dende os 3 anos ata Sexto de Primaria, traducíndose no deseño dunha trintena de carteis mediante o software Canva.

Entre as mensaxes que se poden ler nesta cartelería atopamos lemas como ‘Este Nadal vén mercar, xa verás como che vai gustar!’, ‘Este Nadal Pontevedra é a nosa tenda!’, ‘O mellor Nadal no comercio local’, ‘Cando pensas mercar… Merca no comercio local’, ‘O pequeno comercio, que grande’, ‘Merca na boa vila, deixa a túa pegada’ ou ‘Imos aos pequenos comercios xa!’. O tenente de alcalde, que estivo acompañado pola directora do colexio, María José Pereira, e a directiva da Anpa Carolina Souto, amosouse “absolutamente marabillado e emocionado tanto pola calidade e o contido destes magníficos traballos como polo enxeño dos alumnos”. “Parécenos unha idea excelente, que serve para potenciar e axudar ao comercio local nestes momentos tan difíciles. As administracións debemos fomentar que este Nadal se converta nunha oportunidade para o pequeno comercio de mellorar estes meses pasados. Hai que felicitar a profesores, alumnos e Anpa por uns carteis que expresan moi ben ese sentimento xeneralizado de que debemos axudarnos entre nós”, asegurou Tino Fernández.

O edil socialista tivo a oportunidade de charlar un rato cos rapaces de Sexto de Primaria, que lle fixeron unha batería de preguntas sobre o seu labor como responsable de Educación e aproveitaron para plantexarlle algunhas necesidades que presenta o colexio. Asemade, Fernández pasouse por unha aula de Sexto de Infantil para visitar aos seus alumnos polo bosquexo que inspirou un dos carteis da campaña.

Moitas nais e pais que viven do comercio

Segundo explicou Carolina Souto, que traballa nun comercio local, a iniciativa “xurdiu do xeito menos esperado”, a raíz dunha conversa familiar cunha mestra da Coruña na que a directiva da Anpa lle comentou a situación de medo e incerteza pola que están a atravesar e a docente lle comentou un proxecto semellante que se ía desenvolver no seu colexio. “Os nenos están acostumados a traballar con Canva, que é un programa informático que utilizan nas aulas de Plástica, polo que naceu a idea de facer lemas e carteis por equipos. Propúxenllo aos meus compañeiros da Anpa e, dado que hai moitos pais e nais que viven do comercio, falamos coa dirección do centro e co Concello, aos que lles pareceu unha idea estupenda”, afirmou Souto.

A directiva da Anpa da Xunqueira II sinalou que os rapaces tomaron o encargo “dende o primeiro momento cunha ilusión incrible”, e agora “están desexando que chegue o día de mañá para ir colocar os carteis e amosarlles aos seus amigos e familiares a achega que eles fixeron para que Pontevedra saia desta situación”. O reparto levarase a cabo a partires das 11:00 horas en diferentes zonas da cidade.