Iván Puentes pon en marcha un estudo para avaliar o estado de saúde de 91 árbores da Alameda

26
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible, a través da firma Arbogal, analizará os posibles ‘vicios ocultos’ e factores de risco de 50 plátanos de sombra, 22 carballos, 16 tilos e tres álamos 
  • O estudo, contratado cunha achega de 8.000 euros, contempla o emprego sistemas de diagnose visual e instrumental, coa utilización de rexistógrafo e técnicas de tomografía

Elaborar unha minuciosa base de datos sobre o estado de saúde, localización e posibles ‘vicios ocultos’ e factores de risco das árbores da Alameda de Sesmero é o principal obxectivo do Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vén de poñer en marcha grazas á colaboración da firma especializada Arbogal. Este exame, contratado cunha achega de 8.000 euros, levarase a cabo nun total de 91 exemplares: 50 plátanos de sombra (platanus hispanica), 14 carballos do país, 8 carballos americanos, 16 tilos e tres álamos.

Tal e como explica Iván Puentes, “nestes momentos estase a levar a cabo un estudo de campo e unha diagnose visual das posibles patoloxías, podremias, pólas en mal estado…”. “A partires de aí, confeccionarase unha base de datos con fichas individuais de cada un dos exemplares, incluíndo a súa localización e emprazamento sobre plano, e sacaranse as conclusións oportunas. En todas aquelas árbores nas que se atopen indicios de patoloxías realizaranse análises máis instrumentais a través de rexistógrafo ou mediante tomografía (obtención de imaxes por seccións) para determinar se existen ou non podremias, ‘vicios ocultos’, deterioros, e polo tanto, riscos”, apunta o edil do PSOE.

Unha vez que se remate o estudo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible seguirá adiante, a principios do ano que vén, cos traballos de poda das árbores da Alameda, contemplando nos mesmos as talas e eliminación de exemplares que se consideren oportunas de cara a evitar situacións de risco e caídas súbitas, como a acontecida cun plataneiro de máis de 100 anos a principios de setembro. Para Iván Puentes, trátase ademais dunha avaliación do estado de saúde das árbores “que resulta esencial de cara a realizar unha planificación axeitada do proxecto para devolverlle á Alameda de Sesmero ao longo deste mandato a imaxe nobre e maxestosa que presentaba cando foi concibida, na segunda metade do século XIX”.