#PonteLovers converterá o Mercado de Abastos en pasarela de moda co evento PonteModa Nadal

813
  • Os desfiles, impulsados pola Concellería de Promoción Económica e organizados pola firma Mividaentretelas Kids & Models, serán retransmitidos en streaming os días 10, 11, 12 e 13 de decembro
  • A profesora de pasarela e ‘fashion blogger’ Raquel Gamallo presentará e realizará entrevistas a diversos negocios e empresas da cidade. Unha vintena de firmas e profesionais participarán nos desfiles

Nunha nova iniciativa destinada a dinamizar e animar a actividade de comercios e negocios da cidade de cara as festas de Nadal, en especial daqueles do ramo téxtil e da moda, a Concellería de Promoción Económica, a través da plataforma #PonteLovers, converterá o Mercado de Abastos entre os días 10 e 13 de decembro nunha pasarela de moda grazas ao evento PonteModa Nadal. A actividade, organizada pola firma Mividaentretelas Kids & Models, celebrarase no primeiro andar da Praza, será retransmitida en streaming a través das redes sociais de #PonteLovers e Pontevédrate e da canle de Youtube do Concello e incluirá tanto desfiles como entrevistas a diversos establecementos comerciais e empresas de Pontevedra.

O evento desenvolverase os días 10, 11, 12 e 13 de decembro, en horario de mañá (de 12:00 a 14:00 horas) para as entrevistas e de tarde (de 19:00 a 22:00 horas) para os desfiles de moda e exhibicións. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explica que “para o deseño deste proxecto contouse cunha experta de primeiro nivel como Raquel Gamallo, profesora de pasarela, organizadora de eventos e ‘fashion blogger’ (creadora do blog Mividaentretelas), que ademais de dirixilo todo tamén se encargará de presentar e de facer as entrevistas”. “Con esta actividade -subliña a edil socialista- adaptámonos unha vez máis á nova situación e á cada vez maior demanda de accións visuais e de fácil acceso, empregando un formato moi semellante ao dun programa de TV e chegando ao maior público posible. A empresa de streaming ‘emitimos.com’ será a encargada da retransmisión, a fotografía irá a cargo de @fotokreativo_pontevedra e a cartelería é un deseño exclusivo para este evento elaborado por Lumeira. Haberá tamén música en directo da man do DJ e amenizador Universe Discomóvil Pontevedra”.

Yoya Blanco sinala que “a xente que vai desfilar non son modelos profesionais, senón cidadáns que queren colaborar con esta actividade e alumnos e alumnas do curso de Pasarela que Raquel Gamallo imparte en Pontevedra”. Unha vintena de negocios participarán con achegas aos desfiles, entre os que xa amosaron a súa disposición Lagasca, Madynovias, Magic of London, My Vintage Clothes, Alma Gemela, Mepiachi, Acuario Modaponte, Marilyn Coquette, 4 Estaciones, Lady Rebel, Celebrities, Ma Petite e Emilio Iglesias, así como a deseñadora Patricia Canabal e a mercería Marina Navarro. 

No que atinxe aos que pasarán polo Mercado de Abastos para seren entrevistados en relación á súa actividade, conforman a lista outra vintena de firmas e profesionais: Madreselva, Centro Capilar María José Pazos, Muchachicha, Neurat, Autolavado Mascotas Kala, Nuria Nerga Centro de Estética, Pombalia, Chico’s Sport, Más Descanso, Masajes Pontevedra, Baby Shop, Eucagreen, A Balea das Cores, Dieta Coherente Nutrición, El Patio Kinder Bar, Floristería Peregrina, Olladas Centro Óptico e Aquelarre Tenda Esotérica, ademais de Getting Jiggy Dance e Fita Novas Escuela de Danza, que protagonizarán pequenos shows de danza, e o mago Pedro Volta, que fará un par de trucos en directo.

Raquel Gamallo salienta que “esta é unha iniciativa para fomentar e dinamizar a actividade de negocios, empresas e comercios da cidade, co obxectivo de darlles visibilidade nuns momentos nos que temos que apoialos máis que nunca”, así como para informar aos pontevedreses “sobre a variedade de establecementos e actividades cos que conta Pontevedra e que, en moitos casos, nin sabían que existían”. “A xente que desfilará -afirma- son veciñ@s, alumn@s de clases de pasarela, non profesionais, que queren contribuír a este empurrón da actividade económica da cidade de cara ao Nadal”.