Técnicos municipais visitan Santa Clara para avaliar o seu estado de conservación

43
  • Na visita participou un equipo formado por persoal técnico das disciplinas profesionais competentes para a redacción dos informes de avaliación

Nesta semana, un equipo técnico municipal realizou unha visita ao recinto do convento de Santa Clara co obxecto de valorar o estado de conservación tanto das edificacións como da finca exterior. Na visita, que estivo encabezada polos concelleiros de Ordenación do Territorio, César Mosquera, e de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participou un amplo equipo formado por persoal técnico das disciplinas profesionais competentes para a redacción dos informes de avaliación. 

Así, participaron o arquitecto xefe municipal, Ángel Velando, a arquitecta responsable da Oficina de Planeamento, Rosa Magdalena Fernández, o topógrafo municipal, Rafael Sen, o enxeñeiro responsable de servizos, Manuel Torres, o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, e os directores xerais de Urbanismo e de Mobilidade, Xosé Manuel Tato e Jesús Gómez Viñas. Tamén estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García, e tres persoas designadas pola Orde das Clarisas de Santiago de Compostela.

O obxecto da visita, tal e como xa adiantara o concelleiro de Urbanismo, enmárcase na necesidade de coñecer de forma técnica e rigorosa o estado tanto do edificio do convento como de toda a zona verde que o circunda, de cara ás posibilidades de compra desta propiedade por parte do Concello. 

Neste sentido, a visita centrouse na revisión das características xerais das edificiacións en cuestións relativas ao estado das estruturas, materiais empregados e o seu grao de conservación, tipo de instalacións existentes, accesibilidade, e clasificación das distintas intervencións que se foron realizando en diferentes períodos. 

Convén lembrar que o recinto do convento ten unha superficie de máis dunha hectárea que, no relativo a zona verde, inclúe unha pequena zona axardinada no claustro, unha horta e unha ampla finca con plantacións de castiñeiros, de árbores frutais e de viñas. En canto ás edificacións, ademais da Igrexa, tamén se visitaron as áreas reservadas á vida diaria das relixiosas, como as zonas de descanso, cociña, salas de reunións ou de costura, así como dependencias dedicadas a almacenamento e construcións anexas usadas como alpendres e palleiras.