O Concello remata o ano investindo máis de 750.000 euros en obras e mantemento do rural de 2020

80

Dende este mes está en marcha o novo contrato de sostemento dos espazos públicos rurais que ten un investimento de máis dun millón de euros en tres anos para resolver incidencias, urxencias e reparacións.

Tamén están en marcha proxectos de maior envergadura en Ponte Sampaio, Tomeza, Marcón, Salcedo, Mourente, Lourizán, Lérez, Alba e Campañó. Están valorados en case 400.000 euros e executaranse neste mes.

A Concellaría do rural que xestionan os concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña está a pleno rendemento neste mes de decembro. Hai uns días púxose en marcha o novo contrato de sostemento dos espazos públicos no rural, un contrato que supera os 1.082.948,79 euros, ademais de distintas obras de diversa envergadura en nove parroquias que se achegan aos 400.000 euros.

Aplicando a parte proporcional deste ano do contrato de sostemento de espazos públicos (360.982,93 euros) así como o custe das obras que se executarán neste mes de decembro (393.883,64 euros), a Concellaría do rural está habilitando un investimento de  754.866,57 euros.

O contrato de sostemento dos espazos públicos rurais, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, púxose en marcha neste mes de decembro. Ten un custe global de 1.082.948,79 euros para un prazo de 3 anos e foi adxudicado á empresa pontevedresa E.C.Casas. Ten por obxecto actuar con rapidez, precisión e eficacia en pequenas incidencias e reparacións, que aínda que pola súa envergadura poidan non parecer importantes, repercuten no día a día dos veciños e veciñas das parroquias.

Neste momento execútanse traballos en todas as parroquias como bacheos en Lourizán ou como os espazos que se crearon para o sostemento de colectores no lugar de Acevedo, en Ponte Sampaio. Son estes os labores atribuídos a este contrato: bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións. 

Paralelos á estes labores de mantemento, a Concellaría de rural puxo en marcha neste mes de decembro obras de maior envergadura en nove parroquias do rural.

Obras maiores en nove parroquias

Ao respecto das obras medianas que se executarán de aquí a final de ano por seis empresas distintas en nove parroquias cun investimento global de 393.883,64 euros. Son traballos de pavimentación, saneamento, recollidas de pluviais, seguridade viaria… en Ponte Sampaio, Lérez, Alba, Campañó, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán e Mourente.

As obras proxectadas en Ponte Sampaio son:

  •  Acondicionamento e mellora de infraestruturas no Vilar, Adecoita… Adxudicada á empresa Elsamex por  45.280’45 €
  • Traballos de saneamento de firme, balizamento e drenaxes en Fontaíña e Acevedo. Adxudicada á empresa Elsamex por 43.045’64 €

Lérez

  • Rehabilitación superficial de firme e pluviais no lugar de Casalnovo. Adxudicada a Construcciones Fechi por 31.889’28 €.

Alba

  • Rehabilitación superficial de firme e mellora de pluviais no núcleo da Lampreeira. Adxudicada á empresa COVSA por 28.605’26 €

Campañó

  • Rehabilitación superficial de firme, reconstrución de rede de pluviais e mellora do balizamento no vial de O Riveiro a A Bouza. Adxudicada á empresa E.C. Casas por 48.099’63 €

Salcedo

  • Actuacións de estabilidade e balizamento da plataforma de accesos no Carramal. Adxudicado a Naturgalia por 33.380’94 €

Marcón

  • Mellora da mobilidade e seguridade na contorna do CEIP de Marcón (colocación de morróns, repintado e incremento da seguridade da rampla de acceso, calmado de tráfico e sinalización para accesos peonís). Adxudicado a EDIGRUP por 40.986 €
  • Rehabilitación superficial do firme e mellora da rede de pluviais no núcleo de Pintos. Adxudicado a E.C. Casas por 48.000’03 €

Tomeza

  • Correccións e melloras da rede de drenaxes no camiño de acceso de A Valadiña a Pumariño. Adxudicado a Naturgalia por 27.022’77 €

Calmados de tráfico nos lugares do Cachapal (Campañó), Valadiña (Tomeza), O Rozo (Lourizán), Santa Margarida e Os Campos (Mourente). Adxudicados a COVSA por 47.573’64 €.

É unha aposta clara por dotadas ás parroquias de servizos para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas.

Alberto Oubiña, concelleiro do rural.

As parroquias, garantía de futuro

O concelleiro delegado do rural, Alberto Oubiña lembrou que este investimento obedece á política marcada polo Goberno Local de investir 100 millóns de euros neste mandato, nunha aposta clara por dotar ás parroquias de servizos para mellorar a calidade de vida dos veciños e de veciñas, e pola defensa política de que as parroquias de Pontevedra é unha garantía de futuro.

Por iso, na actualidade o departamento que xestiona Alberto Oubiña en colaboración con outras carteiras do Goberno Local están a executar investimentos de gran trascendencia para o rural.

En Mourente, o núcleo de centralidade dos Campos, que inclúe o Local Social dos Campos, un local para o Grupo de Desenvolvemento Rural e unha nova vía que conecta Tafisa cos Campos, cun orzamento total de 2.200.000 euros 

En Marcón, o parque forestal da Fracha, cun orzamento de 450.000 euros.

Tamén en Marcón, está proxectado o núcleo de centralidade por valor de 500.000 euros.

En Tomeza, o núcleo de centralidade en marcha ten un investimento de 460.000 euros.

En Campañó, o parque forestal de A Tomba, cun orzamento de 370.000 euros.

Especialmente significativos son os investimentos do ciclo da auga (saneamento e abastecemento), nos que o Concello está a investir, nestes momentos 41 millóns de euros (O investimento total en saneamento e abastecemento superará os 58 millóns).

Tamén se inclúen todos os traballos de eficiencia enerxética deste mandato. En tramitación están os proxectos de Santo André e Santa María de Xeve, e de Verducido por valor de 1 millón de euros; o de  Alba, Cerponzóns e Campañó por valor de 1,3 millóns de euros; e acábase de rematar a substitución de todo o alumeado da parroquia de Lourizán por valor de 272.000 euros.