26 persoas denunciadas por estar nunha reunión social sen ser conviventes

11
  • A reunión tivo lugar o venres pola tarde nun establecemento de aluguer de disfraces pechado ao público e situado na praza do Teucro
  • A Policía Local incrementará a presenza na rúa durante a ponte para garantir a seguridade e evitar aglomeracións 

A Policía Local de Pontevedra procedeu a identificar e propoñer para sanción a un total de 26 persoas por participar nunha reunión social sen ser conviventes e por outro tipo de infraccións relativas, na súa maioría, á normativa Covid vixente. Segundo informou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, a identificación destas persoas foi realizada o pasado venres, 4 de decembro, ás 19:30h nunha tenda de disfraces que actualmente non exerce actividade e situada na praza do Teucro número 1.

Anabel Gulías tamén informou que durante esta ponte “se tomou a decisión de incrementar a vixilancia nos espazos urbanos para garantir a seguridade e para que estes días festivos transcorran coa tranquilidade desexable”. Así, estase a incrementar a presenza de axentes na rúa e estanse a vixiar de maneira especial os puntos nos que se ten detectado algún risco de aglomeracións, como a praza da Verdura, a rúa da Historia no lateral do Hospital Provincial, a contorna da praza de Concepción Areal, e o control do aforo no Mercado de Abastos.

Sobre o acontecido na tenda de disfraces da praza do Teucro, a portavzo explicou que os axentes da Policía Local acudiron ao establecemento alertados por chamadas dos veciños, que advertían de música a alto volume e voces no interior. Nun primeiro momento, a persoa que abriu a porta identificouse como familiar dos propietarios e manifestou ter permiso para utilizalo como local de ensaio e que, nese momento, eran 3 as persoas que estaban no interior ensaiando posto que tiñan un grupo de música. Sen embargo os axentes escoitaban máis voces das que correspondían a tres persoas e apreciaban unha cantidade de fume de tabaco excesiva para ese número, polo que solicitaron o reforzo dunha segunda patrulla inspeccionar o interior. Tras a inspección identificaron a un total de 26 persoas, incluída a persoa que lles abrira a porta, que estaban escondidas en diversos lugares do local, como debaixo dunha manta coa que se ocultaba a batería do grupo, detrás de portas, detrás dun sofá, debaixo dunha mesa, entre os propios disfraces, no local da calefacción, ou nun patio interior. 

Anabel Gulías explicou que as persoas identificadas cometeron diversas infraccións, que conlevan as correspondentes sancións. Por estar nunha reunión social sen ser conviventes, a sanción sitúase entre os 600 e os 3.000 euros. Como había persoas dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Vilagarcía e Cangas, aquelas que non respectaron o perímetro imposto nas restricións Covid, enfróntanse a unha sanción que se sitúa entre os 600 e os 3.000 euros. Para o propietario do local a sanción pode abranguer desde os 3.000 ata os 20.000 euros por realizar unha festa non autorizada pola normativa Covid vixente en Pontevedra. O propietario do local tamén se enfronta a unha infracción de disciplina urbanística, por  realizar unha actividade para a que o local carece de licenza, que podería derivar nunha falta grave, cunha sanción que vai desde 301 ata 30.000 euros, ou nunha falta moi grave, cunha sanción que vai desde 30.001 ata 600.000 euros.