A maxia do Nadal invade os barrios da cidade da man de Promoción Económica e #PonteLovers

61
  • Yoya Blanco visitou algúns dos decorados de fantasía instalados polo Concello en parques e prazas de Monte Porreiro, Amalia Álvarez, Os Salgueiriños, A Parda e o casco vello 

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, visitou esta mañá algúns dos “alucinantes” decorados de fantasía cos que a plataforma #PonteLovers pretende inundar da maxia e o espírito do Nadal diversos barrios da cidade. A edil socialista comprobou con agrado “como moitos pequenos se achegaban cos seus pais e nais ata estes espectaculares elementos decorativos, situados en parques e prazas de Monte Porreiro, Amalia Álvarez, Os Salgueiriños, A Parda e o casco vello, para sacarse fotos con eles”.

Blanco tivo ocasión de comprobar “a magnífica imaxe que presenta a Praza de Amalia Álvarez despois de que os seus xardíns fosen ocupados por un poboado de elfos con tres casas infantís de entre 350 e 200 cm. de altura e 250 e 200 cm. de ancho, iluminadas tanto interior como exteriormente; valos de madeira, céspede artificial e ‘attrezzo’ para debuxar os camiños do poboado”. “As propias responsables da cafetería Bloom (situada neste parque) -asegurou- dixéronme que os rapaces están encantados coa decoración, que sen dúbida vai animar aínda máis a vida desta concorrida praza”.

A concelleira tamén visitou o Parque Damián, no barrio da Parda, que dende onte pola noite preside un xogo de barco de resina de tres por tres metros, con iluminación e acompañado de áncoras como complemento decorativo, así como a Praza da Cítara, nas inmediacións da barriada de Os Salgueiriños e o colexio Sagrado Corazón, que conta cun xogo de globos (tres unidades) totalmente iluminados e a figura dun gnomo con capucha de Papá Noel. Igual de espectaculares quedaron os catro conos pino-abeto de 3 e 2 metros de altura con iluminación e as dúas setas de gran tamaño (unha unidade de 350 cm. de altura e un 200 cm. de diámetro e outra de 170 cm. de altura e 120 de diámetro), así como outras pezas iluminadas interior e exteriormente, que se instalaron no parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. “En canto os deixaron colocados, xa había nen@s sacándose fotos”, subliñou Blanco.

Asemade, os que se acheguen ata a Praza do Marqués de Aranda poderán atoparse coa figura dun reno humanizado, flanqueado por árbores iluminadas con micro-lámpadas de led e fío de led.

A concelleira de Promoción Económica lembrou a súa teima de que a ilusión e a fantasía do Nadal non quede unicamente no centro urbano, senón que se expanda por tódolos barrios da cidade e avanzou que o inminente desembarco de “moitas máis novidades, a través do programa Ponte Xogos e dun concurso de escaparatismo que imos presentar esta mesma semana”.