O calendario 2021 recolle a historia de Pontevedra durante o século pasado en imaxes

268
  • Todas as imaxes proceden do Arquivo Municipal e inclúen fotografías históricas, coma a do desaparecido Hotel Engracia, postais de comezos de século, planos da cidade e mesmo un cartaz publicitario das augas mediciñais “Lérez”
  • Editáronse 15.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e nas dependencias municipais de Michelena 30 

A partires do xoves 10 de decembro, todas as persoas que o desexen poderán recoller o calendario 2021 do Concello, que nesta ocasión compila un total de 24 imaxes históricas que ilustran a evolución da cidade ao longo do século pasado. Editaronse un total de 15.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e nas dependencias municipais de Michelena 30.

O calendario, ademais de visibilizar graficamente a historia máis recente de Pontevedra, tamén trata de poñer en valor a importancia do traballo de custodia, conservación e difusión que se realiza desde o Arquivo Municipal. Todos os documentos incluídos no calendario proceden do Arquivo, e están complementados cunha extensa e detallada información sobre cada unha das imaxes e que as contextualiza historicamente. A esta información adicional pode accederse mediante un código QR incluído no propio calendario.

Inclúese un cartaz, tres vistas aéreas, dous planos, dúas postais, trece fotografías e tres proxectos, dos cales dous non chegaron a realizarse. A imaxe máis antiga, un plano da cidade de Pontevedra e dos seus arredores, data de 1901 e a máis recente, unha vista aérea da cidade, de 1965.

Fotografías. Inclúese unha imaxe da Igrexa da Peregrina (1910-1915) na que se pode apreciar unha grande escalinata de acceso e sen a fonte actual, que sería instalada en 1953; unha fotografía da fachada do desaparecido Hotel Engracia (1943) que estaba situado na rúa de Andrés Muruais, onde máis tarde se construíu o Casino Mercantil e Industrial e actualmente se atopa o edificio administrativo do Catastro; unha vista de Campolongo (1914-1915) coa antiga estación de ferrocarril; unha imaxe da Ribeira dos Peiraos (1914-1915) na desembocadura do río Gafos coas antigas fábricas e casas de mariñeiros; tamén unha vista das Corvaceiras (1914-1915) na que se poden apreciar tres edificacións de ribeira e as barcas tradicionais; a praza da Ferraría da década de 1920 co quiosco modernista de Enrique Paredes e o de Manuela García; a rúa da Alameda (1910-1915) cun coche de comezos de século; a Casa Consistorial (1914-1915) na praza de España; a ponte do Burgo (1955) un ano despois da gran reforma do século pasado; a ponte da Barca (1910-1915) coa ponte vella do ferrocarril ao seu carón, na que tamén se aprecia a fábrica de tellas de Riestra ao fondo; a praza de Valentín García Escudero (ca. 1940); a ponte de Couto (1914-1915) sobre o río Gafos que hoxe se corresponde coa rúa de Otero Pedrayo; e a praza da Pedreira (ca.1929) fotografada polo fotógrafo alemán Otto Wunderlich por encargo da Xunta Provincial do Padroado de Turismo.

Proxectos. O calendario inclúe un plano da fachada do proxecto do edificio social para a Caixa Rural de Lérez (1930), realizado polo arquitecto municipal Emilio Salgado Urtiaga. A Caixa Rural de Lérez era unha institución cooperativa agraria de crédito que, nun primeiro momento, agrupaba os labregos da zona e despois que pasaría a ser comarcal, prestando os seus servizos ás parroquias veciñas: Alba, Campañó, Cerponzóns, Santo André e Santa María de Xeve e Verducido.

Tamén se inclúen dous proxectos que non chegarían a ver a luz. O proxecto de 1951 para a construción dun edificio na praza de Indalecio Armesto (hoxe paraza da Verdura) para  o grupo escolar ‘Álvarez Limeses’ (na actual Casa da Luz) realizado polo arquitecto Emilio Quiroga Losada; e o proxecto de 1944 para a prolongación da rúa de García Camba realizado polo arquitecto municipal Juan Argenti Navajas.

Postais. A postal da praza de San Xosé (1912) permite apreciar os restos do antigo pazo dos Montenegro e unha vista parcial do Café Moderno; mentres que a postal da ponte da Taboada (1907-1908) ofrece a imaxe das mulleres lavando no río Gafos a carón da ponte, e que hoxe se corresponde coa rúa do Xeneral Rubín.

Vistas aéreas. Incluése unha vista aérea do centro histórico coa igrexa de Santa María en primeiro termo (1963); e dúas vistas aéreas da cidade. A primeira data de 1928 e pode apreciarse todo o centro histórico coas pontes do Burgo, a do ferrocarril e a da Barca sobre o Lérez, así como a rúa da Alameda arborizada, o cuartel de San Fernando e a praza de touros. A segunda data de 1965 e sitúase sobre a ponte da Barca e poden apreciarse instalacións na beira do Lérez como a fábrica de cerámica A Caeira ou a empresa de produción de prefabricados de formigón coñecida como Gamasa.

Planos. Inclúese un plano da cidade de Pontevedra e dos seus arredores datado en 1901 e de fonte descoñecida, no que destacan a desembocadura do regato de Valdecorvos na zona da Seca, e o curso dos ríos Gafos, antes do soterramento, e do Lérez antes da ocupación das Xunqueiras. Tamén se inclúe un plano do centro urbano da cidade de 1932 e que amosa o desenvolvemento urbano de Pontevedra a comezos de século cara as vías de saída da cidade.

Cartaz. O cartaz das augas mineromedicinais ‘Lérez’ data de 1919 e publicitaba as augas embotelladas no balneario de Casimiro Gómez. Este balneario, inaugurado en 1906, explotaba as augas dos mananciais de Monte Porreiro e das Aceas e realizou con éxito campañas de prensa para abrir mercado en Europa e América. En Inglaterra creou The Lerez Natural Mineral Water Company, obtivo o título de provedor da Casa Real Española e e chegou a recibir importantes persoeiros da política, da cultura e da realeza. Pecharía tras o comezo da Primeira Guerra Mundial. 

Capa. A maiores das 24 imaxes do interior do calendario, na capa inclúese a icónica imaxe de Pontevedra de mediados do século XVII, realizada en acuarela polo arquitecto e pintor barroco italiano, Pier María Baldi. A acuarela, pintada en 1669, está tomada dende un outeiro próximo ao arrabalde do Burgo, que se presenta en primeiro plano, e en detalles case analíticos vai pormenorizando os distintos tramos do trazado viario cara á urbe. Baldi realizou esta acuarela no transcurso dunha viaxe na que visitou varios lugares, vilas e cidades de España e Portugal, formando parte da comitiva de Cosme III de Medicis futuro gran duque da Toscana.