Desenvolvemento Sostible inicia a instalación dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude no parque da Praza de Europa

38

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha esta mañá os traballos que permitirán que as pequenas e pequenos de Monte Porreiro dispoñan dun novo xogo de aventura en pleno corazón do barrio: unha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude que comezou a instalarse no parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña, no marco dun proxecto para renovar de xeito integral esta zona de lecer. Para a creación deste elemento, o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes contratou á empresa de carpitenría Carpiglob SL cun orzamento que ronda os 20.000 euros, coa previsión de que estea colocado nas vindeiras semanas.

Iván Puentes está convencido de que esta tirolina se converterá “nun enorme atractivo” para as nenas e nenos de Monte Porreiro, achegando un maior carácter de aventura e ilusión á oferta de xogos desta zona de Pontevedra e fomentando a superación, o desenvolvemento físico, a psicomotricidade e o fortalecemento saudable na infancia. O novo elemento de lecer estará construído en madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e terá un acceso mediante rampla, incorporando o correspondente valado de seguridade na contorna do xogo. 

A madeira está certificada e foi producida e fabricada a través dun modelo de xestión forestal sostible. Asemade, conta cos tratamentos imprescindibles para garantir unha axeitada duración.