O Concello estuda necesidades e parcelas para un edificio único de emerxencias

48
  • Trataríase dun centro unificado de protección cidadá destinado a acoller os servizos de Policía Local e Bombeiros 
  • Realizarase un estudo previo que avalíe as condicións que debe cumprir o novo edificio de cara a identificar unha parcela idónea para construílo

Analizar as características que necesitaría un edificio único de emerxencias e identificar parcelas óptimas para ubicalo é a finalidade do estudo que está tramitando a Concellaría de Protección Cidadá. Anunciouno esta mañá a concelleira responsable da área, Eva Vilaverde, quen asegurou que “nunha decisión deste calado e para un proxecto destas características necesítanse analizar seriamente todas as variables que poden determinar a construción deste edificio a medio prazo”.

Eva Vilaverde explicou que a posibilidade da construción dun centro unificado de protección cidadá destinado a acoller os servizos de Policía Local e Bombeiros, vén determinada polos problemas que existen para ampliar o espazo no edificio no que actualmente se ubican as dependencias da Policía Local, así como pola situación urbanística do parque de bombeiros que dificulta ampliar volumes ou edificacións. Estas necesidades de ampliación e mellora de instalacións de ambos servizos derívanse, segundo indicou a concelleira “polo paso do tempo, o propio desenvolvemento dos servizos, a maneira de levalos a cabo e mesmo de necesidades xurdidas coa situación de pandemia, que son necesidades que probablemente viñesen para quedarse”.

O estudo de necesidades servirá para determinar que parcelas, tanto de titularidade pública como privadas, poden existir no Concello que cumpran coas condicións requiridas para acoller o futuro edificio. Neste sentido, na análise incluiranse cuestións como a superficie necesaria, a proximidade ás principais vías de comunicación, as distancias e o tempo máximo de intervención, e a separación de centros de ensino e de centros socio-sanitarios, así como de zonas peonís. En función dos resultados deste estudo espacializaranse as áreas óptimas para a ubicación do edificio.

O estudo, cuxa contratación está en trámite neste momento, terá un prazo de execución de 4 meses.