Novos modelos de cidade, dixitalización, e transición ecolóxica, entre as propostas do Eixo Atlántico para os fondos europeos de recuperación

27
  • As análises e propostas da Conferencia de Alcaldes e Alcaldesas posCovid, celebrada en Pontevedra o pasado mes de setembro, serán trasladadas aos gobernos galego, español e portugués

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e un dos relatores da Conferencia de Alcaldes e Alcaldesas celebrada o pasado mes de setembro, Fernando González Laxe, presentaron esta mañá o docmento que recolle as análises e propostas que desde o entre transfonteirizo se lle van trasladar ao goberno do Estado e da Xunta, e tamén ao goberno portugués. Estas propostas, derivadas da Conferencia de Alcaldes e Alcaldesas pos-Covid, van enfocadas cara a utilización tanto dos fondos europeos de reconstrución como os fondos do orzamento 2021-2027.

Segundo explicou Miguel Anxo Fernández Lores, estas propostas baseanse na premisa de que “facemos parte dunha eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e temos unhas características propias que deberían ser tidas en conta de cara a facer investimentos que sexan dalgunha maneira multiplicadores, que melloren a calidade de vida dos galegos e dos portugueses, e que vaian dirixidas a poñer en valor as nosas potencialidades”. Entre estas potencialidades, o alcalde salientou a situación xeográfica que cualificou como “unha fronte Atlántica que vai cara a América, porque estamos nun extremo de Europa pero tamén estamos máis próximos a outros mercados”, ao tempo que mencionou como proxectos prioritarios aqueles “nos que estean presentes sempre as novas tecnoloxías, a innovación, a transición ecolóxica e o cambio cara a modelos enerxéticos sostibles”.

Fernando González Laxe (un dos relatores da Conferencia xunto con Xosé Luis Méndez Romeu e José Santos Soeiro) salientou a importancia de “marcar pautas e escenarios posibles de cara a superar os efectos económicos, sociais e territoriais da pandemia”. Para acadalo, explicou que “a primeira análise foi medir e cuantificar economicamente os impactos, porque esta pandemia xerou un shock de oferta e un shock de demanda ao mesmo tempo, e isto medímolo cos datos oficiais que foron publicados”.  Asegurou que no caso de Galicia os efectos da diminución do crecemento económico “foron moi importantes pero un pouquiño menos do que siginificou en termos do Estado” pero que aínda así “foi enormemente grande, tan grande que non hai precedentes na historia galega recente onde houbera de forma tan disruptiva ese efecto”. Mentres, na rexión norte de Portugal apréciase un impacto menor.

Tamén explicou que o documento de propostas, modula os escenarios de futuro centrándose en catro grandes eixos:

1. A definición do novo modelo de cidade a través da experiencia da Covid. Indicou que tras a pandemia existe unha nova ocupación do territorio, con máis espazos para os servizos públicos e unha maior política de atractividade territorial, no sentido de que os Concellos actúan como axentes activos na captación de capitais e habitantes. Neste apartado, explicou que o novo modelo de cidade debe ser adaptable aos cambios e máis flexible, fuxindo de modelos son ríxidos. 

2. A necesidade de implementar estratexias de descarbonización, sostibilidade, innovación e dixitalización, en liña coas directrices da Unión Europea.

3. A necesidade de actuar de cara aos colectivos de risco dun xeito diferente. Explicou que, tras aparición da pandemia, os colectivos de risco se corresponden cun tipo de sociedade “máis volátil e chea de incertezas”, e que pode afectar a novos grupos como “as persoas de máis idade, as persoas con discapacidade ou as persoas máis novas que non teñen unha perspectiva laboral”.

4. A nova gobernanza local, cun liderado reforzado dos alcaldes e alcaldesas e o traballo en rede. Tamén introduciu o concepto de macrorrexión, explicando que “Europa está composta por Estados pero tamén por macrorrexións, entendidos como eixos de desenvolvemento, e nós aquí temos que apostar polo corredor atlántico, como un posicionamento básico para afrontar unha competitividade de cara ao futuro”.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao asegurou que “neste momento o Eixo é un refuxio seguro” e baseouno en dúas razóns. Dunha banda por ser unha eurorrexión con 7 millóns de cidadáns e, doutra, por ser a terceira área urbana da Península Ibérica tras Madrid e Barcelona, e por diante de Lisboa. Tamén mencionou que 4 novos membros acaban de ingresar no Eixo Atlático: a Deputación de Ourense e o Concello de Ponteareas, e as cidades portuguesas de Gondomar e Amarante.

Tamén aproveitou para salientar o papel de Pontevedra como referencia de organización da Asamblea de Alcaldes e Alcaldesas posCovid nun momento de restricións. “Pontevedra é unha referencia en cuestións de mobilidade e agora quedou claro que tamén pode ser unha referencia en materia de congresos e reunións, porque a organización foi perfecta nun momento de dificultade extrema” afirmou o secretario xeral.

Por último, tamén insistiu en que “en época de crise a xente precisa liderado, alguén que sexa capaz de amosar un camiño, que anime aos demais, e que os vencelle nun proxecto común que mostre que hai saída e que hai que ser partícipes dun proceso”.