O Concello instalará en primavera un skatepark desmontable no tramo peonil de Raíña Victoria

  • O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá o anteproxecto que contempla unha instalación desmontable e trasladable a calquera outro punto, en función dos usos finais que teña Raíña Victoria.
  • Créase un espazo integrado na cidade e buscando que o skate deixe atrás a imaxe de práctica marxinal.

A raíz das conversas co colectivo de skaters de Pontevedra e no marco da campaña Pontevedra Suma (Súmate á mobilidade amábel de difusión da nova Ordenanza de Mobilidade) que puxo en marcha a Concellaría de Mobilidade, o concelleiro responsable do departamento, Demetrio Gómez, presentou esta mañá as novas instalacións de skate que o Concello quere montar no tramo recentemente peonalizado da rúa Raíña Victoria. 

Xunto ao concelleiro, Demetrio Gómez, estaba Javier Segura, arquitecto e membro da directiva da Asociación de skaters de Pontevedra e autor da proposta que ten sobre a mesa o Concello, así como Toño Escudero, socio da empresa Urban Culture Factory, ao amparo da que creou unha escola de skaters o pasado mes de outubro e na que están inscritas 65 rapaces e rapazas de 5 a 12 anos.

Demetrio Gómez explicou que a rúa Raíña Victoria é unha zona onde se pode desenvolver este tipo de actividade deportiva (olímpica para os vindeiros xogos de Tokyo) e permitirá traela ao centro da cidade, tratando de eliminar o estigma de actividade marxinal.

Explicou que o traballo de Javier Segura era “minucioso” e adaptado á zona. De feito, como dende o Goberno local sempre se dixo que se trata dun peche permanente e indefinido mentres dure a Covid, a Concellaría requiriu un proxecto que permitira desmontar a instalación para poder trasladala a outra zona, en función do futuro que se lle dea a Raíña Victoria.

Javier Segura explicou que primeiro visitaron a rúa e escolleron referentes doutras zonas, pero traballaron coa premisa de fuxir da imaxe de espazo marxinal (evitar perímetros, muros de gran altura…), perfectamente integrado na cidade e que resultase agradábel tanto para usuarios como para non usuarios.

Polo tanto, optaron por facer unha intervención en dúas zonas, coa colocación dunha baldosa de granito duns 15 cm de espesor onde se atoparían todos os elementos do parque de skate (fundamentalmente pequenas mesetas, bordillos e algunha rampla), perimetrados cun bordillo de granito.

Tamén se respectan os espazos de tránsito tanto para bicicletas ou vehículos similares, e para os peóns.

A Concellaría, que ten acordada esta intervención co departamento de Deportes, ten sobre a mesa o anteproxecto e agarda que sexa unha realidade a vindeira primavera.

Compartir publicación: