#PonteLovers anima o Nadal cun Concurso de Escaparates e espectáculos de rúa que chegarán a Campolongo, Monte Porreiro e Pontevedra Leste

98
  • O certame de escaparatismo impulsado por Promoción Económica contempla tres premios cunha contía global de 3.000 euros e o sorteo de 20 cheques regalo cun valor de 25 euros
  • A compañía do artista visual Pablo Méndez despregará Pasarrúas de Nadal protagonizados por Papá Noel e por outras personaxes inspiradas no Nadal de Disneyland, como os homes de xeo

Coa finalidade de poñer en valor os establecementos comerciais da nosa cidade e de potencia-la súa imaxe durante estas datas, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, acaba de poñer en marcha un Concurso de Escaparates de Nadal que terá como xurado á propia cidadanía. O certame, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto entre este sábado 12 e o domingo 20 de decembro, contempla o outorgamento de tres premios por un montante global de 3.000 euros (1.500, 1.000 e 500 euros) para os mellores escaparates e o sorteo de 20 cheques regalo cun valor de 25 euros cada un (para trocar en calquera dos negocios participantes) entre as persoas que se animen a votar: as votacións desenvolveranse dende o domingo 21 ata o luns 28 de decembro e o nome dos gañadores publicarase o martes 29 de decembro ás 21:00 horas a través das redes sociais do Concello de Pontevedra.

Asemade, no marco das actividades de dinamización de rúa que o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco deseñou para o Nadal, #PonteLovers contará “coa sempre abraiante imaxinación e fantasía da compañía Pablo Mèndez Performances” para desenvolver diversos Pasarrúas de Nadal. Estes fascinantes espectáculos de animación, que terán como protagonistas, ademais de a Papá Noel, a un universo de personaxes inspirados no Nadal de Disneyland (entre elas, os Frostys ou homes de xeo), celebraranse entre os días 19 de decembro e 3 de xaneiro por diferentes rúas do centro urbano, a zona monumental, Monte Porreiro, Pontevedra Leste e Campolongo.

Ámbalas iniciativas foron presentadas esta mañá no Mercado de Abastos nun acto no que participaron Yoya Blanco, Noemi de Miguel López, directora de Contas de Sra. Nona Brand, a axencia creativa de publicidade encargada da organización do Concurso, e o artista visual Pablo Méndez, de Pablo Mèndez Performances. Segundo precisou a edil de Promoción Económica, todos aqueles establecementos que desexen tomar parte neste certame de escaparatismo só terán que seguir os seguintes pasos: “tirarlle unha foto ao escaparate do seu local decorado con motivos de Nadal; entrar no Facebook do Concello e facer ‘click’ na publicación do Concurso de Escaparates, escanear un código QR dispoñible nas octavillas que se distribuirán entre os comercios ou teclear a ligazón https://pr.easypromosapp.com/p/908627; premer en ‘inscribir local’; cubrir o breve formulario de rexistro cos seus datos; anexar a foto, e pulsar o boton ‘rematar’”.

Poderase votar a través de Facebook a partir do 21 de decembro

“A tódolos establecementos participantes faráselles entrega dun adhesivo identificador para que o poñan nun lugar visible do escaparate e a partir do 21 de decembro todas aquelas persoas que queiran emitir o seu veredicto poderán votar a través do Facebook do Concello. Só terán que premer en ‘votar’ para visualizar as fotografías dos participantes. Os tres máis votados serán os gañadores dun primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500. O día 29 de decembro darase a coñecer o resultado”, explicou Noemi de Miguel

Tal e como sinalou Yoya Blanco, “a filosofía desta campaña de Nadal reflíctese á perfección no seu lema, ‘É o momento de amosar a túa mellor cara’, que nos lembra que precisamente nestes momentos tan difíciles temos que sacar o lado máis belo de nós mesmos e de atraer á cidadanía ao comercio local empregando esa carta de presentación e de reclamo que son os escaparates”. 

Os negocios que resulten vencedores deste Concurso recibirán, ademais do galardón en metálico, os seus respectivos vinilos coa mensaxe ‘establecemento gañador’ para que os poidan lucir nos seus escaparates. Pódese obter máis información sobre este evento a través do seguinte enlace: www.pontevedra.gal/atuamellorcara

No que atinxe aos Pasarrúas de Nadal, Yoya Blanco asegurou que “as sorpresas que nos agardan da man da compañía de Pablo Méndez vannos deixar a pequenos e non tan pequenos boquiabertos unha vez máis”. Segundo detallou a concelleira socialista, Papá Noel visitará o centro da cidade e a zona monumental o sábado 19 de decembro entre as 17:00 e as 19:00 horas e o xoves 24 de decembro entre as 11:30 e as 13:30 horas, así como Pontevedra Leste o martes 22 de decembro de 17:00 a 19:00 horas.

“Temos a sorte de coñecer a Papá Noel e convidámolo uns días”

As personaxes de fantasía da compañía de Méndez encherán de maxia as rúas do barrio de Campolongo o martes 29 de decembro, as de Pontevedra Leste o xoves 31 de decembro e as de Monte Porreiro o sábado 2 de Xaneiro, en horario de mañá, de 11:30 a 13:30 horas, e as do casco vello o domingo 3 de xaneiro pola tarde, entre as 16:30 e as 18:30 horas. Tal e como sinalou Pablo Méndez, “tódolos espectáculos están inspirados no famoso Nadal de Disneyland, polo que serán moi estéticos e con moita fantasía”. “Nós, como viaxamos por todo o mundo -asegurou-, temos a sorte de coñecer a Papa Noel persoalmente e convidámolo a pasar aquí o Nadal, así que estará en Pontevedra con nós uns cantos días e o levaremos a coñecer os barrios da cidade e a saudar aos nenos e nenas pontevedreses”.

Méndez aproveitou a ocasión para agradecerlle a Yoya Blanco a súa aposta “por darlles traballo ás empresas locais e ao mundo da cultura” e apuntou que “vai haber un montón de personaxes e animacións moi diversas das que non imos facer ‘spoiler’”.