A Concellería de Igualdade levará a memoria e realidade LGTBIQ+ aos institutos de Pontevedra a través da peza documental ‘Persoas S.A.’

22
  • O videofórum enmárcase dentro do programa municipal Pinto e Maragota e desenvolverase a partir da vindeira semana nos IES Sánchez Cantón, Luis Seoane e Frei Martín Sarmiento

Os IES Sánchez Cantón, Luis Seoane e Frei Martín Sarmiento acollerán a partir da vindeira semana o visionado e videofórum do documental ‘Persoas S.A.’, unha peza realizada pola lucense Carme P.G. Granxeiro que percorre a historia do activismo LGTBI en Galicia, dende os seus inicios ata a actualidade, poñendo en valor os novos movementos asociativos arredor da diversidade de sexo e xénero e poñendo sobre a mesa os logros acadados e os retos para un futuro en igualdade. A actividade, impulsada pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, enmárcase dentro de accións formativas en centros de Ensino Secundario do programa municipal Pinto e Maragota, que abrangue a presentación de libros, o desenvolvemento de videofórums participativos ou a celebración de charlas debate como Transformando o Mundo.

Tal e como explica Yoya Blanco, “achegar a existencia dunha realidade diversa aos institutos e á mocidade é unha das principais liñas de actuación deste programa, e neste sentido cómpre destacar a enquisa que se fixo durante o curso pasado a máis de 900 mozos e mozas da cidade e aos seus mestres para analizar a situación do colectivos dentro das aulas de Secundaria”. Segundo concretou, os videofórums terán lugar o luns 14 de decembro no IES Luis Seoane, o xoves 17 no IES Sánchez Cantón e a partir do 21 en varias aulas do IES Frei Martín Sarmiento. “O documental  está realizado en colaboración coa asociación de familias de menores trans Arelas -subliña a socialista- e aborda unha realidade diversa máis aló do cisheteronormativo, nunha historia colectiva de lembranzas, reflexións e amizades dun verán marcado pola pandemia”.

A idea do documental xurdiulle á súa directora precisamente durante a corentena, contando co apoio de Cristina Palacios, de Arelas, que se lle uniu achegando coñecementos, contactos e axuda nos traballos de produción. Unha vez rematada, Carme P.G. afrontou unha gravación adaptada ao contexto sanitario, describindo a diversidade dentro desta realidade que estamos a vivir. “Como lesbiana -salienta a realizadora- cada un dos minutos empregados neste traballo está intimamente ligado á miña realidade, cada conversa foi un (auto)recoñecemento e cada unha das persoas que pasan por diante da cámara, un agasallo nestes tempos en que sentirse acompañada é tan importante. As nosas vidas fan fronte á patoloxización, á victimización, á exclusión… Son vidas a prol dun mundo mellor para a liberdade das persoas, de todas”. 

Pódese visionar o trailer do documental a través do seguinte enlace: