Aberta a participación veciñal para facer achegas ao novo regulamento do lixo

17

Dende onte está habilitado un período de consultas a través da páxina web, que estará dispoñible até o vindeiro 11 de xaneiro

O obxectivo desta norma será regular as relacións entre os usuarios e a entidade que prestará o servizo. É o primeiro paso legal para a redacción

A Concellaría de xestión de residuos, que dirixe Raimundo González, abriu onte o período de participación para facer achegas para elaborar o novo Regulamento do servizo público de xestión integral dos residuos sólidos urbanos e limpeza do espazo público do Concello de Pontevedra. Con este período de participación, ábrese o proceso legal para a redacción e posta en marcha do novo contrato do lixo que o Concello de Pontevedra pretende poñer en marcha ao longo deste ano.

Este segundo proceso de consultas sobre o novo contrato, faise a través da páxina web municipal Pontevedra.gal neste enlace:

Toda a veciñanza que o desexe pode presentar as súas achegas até o vindeiro 11 de xaneiro, cando se pecha o prazo legal.

Segundo recolle o propio expediente, o regulamento pretende definir as relacións entre os usuarios e a entidade que presta o servizo. Polo tanto, o posible contido e estrutura desta norma podería ser: exposición de motivos, disposicións xerais; recollida de residuos esparexidos en espazos públicos: limpeza viaria; xestión de residuos de competencia municipal; disposicións xerais: cuartos de residuos, da presentación e depósito dos residuos municipais e dos recipientes utilizados, recollida selectiva, compostaxe nos fogares e centros de compostaxe comunitario, do punto limpo, da compostaxe nos fogares e centros de compostaxe, do tratamento dos residuos municipais, residuos sanitarios, residuos de construción e demolición procedentes de obras menores; hixiene urbana de instalacións diversas na cidade; uso do dominio público con actividades diversas no ámbito da hixiene urbana; animais domésticos; hixiene no ámbito persoal, outras actividades; disposicións de policía e réxime sancionador: inspección e control, infraccións, sancións; outras disposicións.

Primeiro período de consultas

Como xa ten explicado o concelleiro responsable do servizo, Raimundo González a participación cidadá que agora se solicita para a elaboración do regulamento, é distinta á que estivo aberta durante todo este ano e que formou parte dunha rolda de reunións e encontros con asociacións de veciños, sindicatos, empresariais, ecoloxistas… para coñecer as expectativas que teñen os pontevedreses e pontevedresas no futuro contrato do lixo. 

Das máis de 400 achegas recibidas, máis do 11% solicitaban que se ampliase o sistema de compostaxe (tanto individual como colectivo); e seguindo esta liña, que se implantase o tratamento de biorresiduos (3,9%), ou que se primase a reciclaxe e a compostaxe (6,49%). A gran maioría das suxestións estaban dirixidas a mellorar e incrementar a compostaxe e a reciclaxe, o que amosa o “gran compromiso ambiental dos veciños”, segundo o concelleiro.