Desenvolvemento Sostible destina máis de 5.000 € a un proxecto de limpeza e mellora paisaxística dos terreos da antiga Escola Taller de Monte Porreiro

16
  • Os traballos de acondicionamento que se están a realizar inclúen un desbroce integral, a limpeza de matorrais, a tala de árbores perigosas e invasoras e a restauración do valado exterior
  • O concelleiro Iván Puentes subliña a importancia desta intervención, “que permitirá sanear un centro que se tiña convertido nunha xungla e poñelo de novo ao servizo da veciñanza do barrio”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos que permitirán acondicionar, sanear e poñer en valor a sede da antiga Escola Taller de Monte Porreiro. O proxecto de mellora paisaxística, que se enmarca dentro dunha batería de actuacións que o departamento que dirixe Iván Puentes está a realizar no barrio (apertura do parque da Uned, tirolina e ampliación do parque infantil da Praza de Europa, rehabilitación da senda fluvial…), suporá un investimento de máis de 5.000 euros e inclúe un desbroce integral de todo o centro, a limpeza de matorral, a poda de árbores e a tala e retirada de especies invasoras ou que supuñan un perigo polo seu estado de deterioro.

O concelleiro socialista constata que os terreos se atopaban “nun estado de deterioro moi considerable, ata o punto de que o crecemento incontrolado de vexetación, arborado e maleza os tiña convertido case nunha xungla”. “Había árbores invadindo a vía pública e outras caídas ou nun estado de podremia moi avanzado no interior. Por tal motivo, nesta primeira fase estase a efectuar a retirada de diversas árbores situadas no perímetro da rúa Reino Unido que comprometían a estabilidade do muro de peche e algunhas acacias, mimosas e outras plantas invasoras que foran medrando co paso de tempo”, sinala Iván Puentes.

O proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén contempla a restauración de boa parte do valado exterior, das columnas do muro e a cancela de peche, que non se atopa operativa, de xeito que se poida recuperar en óptimas condicións para emprego da cidadanía. Neste sentido, Iván Puentes lembra que os invernadoiros e naves de prácticas da Escola Taller de Monte Porreiro permanecen pechados dende o ano 2009, cando se clausurou o último proxecto de formación laboral impulsado neste centro polo Concello e a Xunta de Galicia, polo que “este é un primeiro paso para poñelos de novo ao servizo da veciñanza e de diversos colectivos do barrio”.

“A idea é que poidan empregarse para todo tipo de usos sociais, ademais de aproveitar a estrutura dalgún dos tres invernadoiros da antiga escola obradoiro de xardinería, recolocando a súa cobertura de plástico (agora mesmo están ‘pelados’) e usándoo comunitariamente, como servizo para as hortas urbanas que xa existen en Monte Porreiro”, avanzou o concelleiro do PSOE.