Primeira capa de rodadura en Loureiro Crespo para deixar a rúa practicable para o Nadal

12

As obras comezan rematan hoxe mesmo, e até o día 22 faranse remates de beirarrúas e calzada para que o tramo quede o máis practicable posíbel para o Nadal.

A Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Demetrio Gómez comezou hoxe a a instalar a primeira capa de rodadura en Loureiro Crespo, do tramo comprendido entre a rúa Gonzalo Gaias e a rotonda de Doce de novembro. Tal e como anunciara o departamento, o propósito é deixar tanto as beirarrúas como a calzada o máis practicable posible para facilitar os desprazamentos peonís nestas datas.

A obra atópase nun avanzado estado de execución nesta primeira parte. Todos os servizos xa están renovados e soterrados, as beirarrúas practicamente rematadas e nestes días faise o asfaltado provisional para facilitar o tránsito, para mellor comodidade de peóns e para favorecer as compras de Nadal, dado que se trata dunha rúa cun gran número de negocios.

A pavimentación rematará hoxe mesmo e está previsto que nos próximos días se realicen retoques en beirarrúas para que queden o máis practicable, e tamén no tramo de calzada entre a praza do Hospital e Gonzalo Gaias, que vai formigonada.

Loureiro Crespo quedará así dende o día 22 de decembro (estaba previsto parar o día 18, pero as condicións meteorolóxicas obrigan a modificar as datas) até despois de Reis, cando se retomarán os remates do primeiro tramo e con maior intensidade  no segundo tramo da rúa, entre Doce de Novembro e a avenida de Lugo.

Cabe lembrar que a reforma da rúa Loureiro Crespo é unha das intervencións de reforma urbana máis importante do mandato. Ten un custe de case 2,9 millóns de euros, entre a reforma e as melloras que se executarán en todas as rúas do barrio do Castañal.

Tendo en conta que toda a obra supón a renovación dos servizos soterrados, no primeiro tramo, entre a praza do Hospital e Gonzalo Gaias, alongouse a praza coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” (a mesma que a da praza) e unha parte central de formigón negro en plataforma única (pendente de completar), xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial.

No segundo tramo, entre Gonzalo Gaias e Casimiro Gómez, a beirarrúa da esquerda é de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Neste tramo, o estacionamento de taxis estará á esquerda e á dereita unha liña de servizos.

Está pendente a instalación do mobiliario urbano, da iluminación, da xardinería que serán os últimos elementos que se colocarán na reforma.