O Concello aforra medio millón de euros na obra da estación intermodal

28

Unha addenda ao convenio permite reaxustar as contías económicas de Xunta e Concello debido a baixas e a os ritmos de execución da obra.

O Concello xa ten abonado 615.000 euros e está en disposición de pagar 400.000 euros, tras a sinatura da addenda. Para 2021, quedaría só unha achega de 14.000 euros.

O Concello de Pontevedra vén de aprobar a sinatura dunha nova addenda ao convenio para o desenvolvemento da futura estación intermodal que a Xunta de Galicia executa a través dos Fondos Feder. Nesta addenda o Concello reduce a súa achega en máis de medio millón de euros, quedando o financiamento municipal en 1.029.388 euros.

A reforma da estación intermodal está en marcha dende fai case un ano e debido ás incidencias vividas ao longo do ano 2020, o proxecto acumula certo atraso, tal e como se lle informou ao concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, por parte da Xunta de Galicia.

A pesar desta situación, o Concello quere cumprir cos prazos fixados no convenio mantendo as achegas económicas fixadas, pero adaptadas á realidade actual logo das baixas da adxudicación da obra e da execución.

A licitación dos dous proxectos da estación intermodal (reforma da estación e creación da praza e da ponte sobre o Gafos) tiña un custe de 6.14.206,62 euros, e o Concello tiña que facer unha achega do 42,68%, é dicir, 1.537.917,47 euros do total.

Finalmente, logo das readaptacións económicas, o Concello terá que facer unha achega global de 1.029.388 euros, é dicir, 508.529,47 euros menos do previamente fixado.

Sobre como se librarán estes gastos, o Concello xa fixo unha achega de 615.166,99 euros e está pendente de facer unha achega de 400.000 euros quince días despois da sinatura desta addenda.

Para o ano 2021 quedaría pendente o abono de 14.221,01 euros.