#PonteLovers e a Urban Culture Factory animan o Nadal con talleres de cultura e deportes urbanos de balde para a rapazada de entre 5 e 16 anos

181
  • Os obradoiros, impulsados polas concellerías de Deportes e de Promoción Económica, terán lugar entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro, con inscrición previa no teléfono 682 65 39 04
  • Os rapaces poderán desfrutar dun abano de actividades que vai da iniciación ao surf skate e ao paddlesurf ata o skateboarding, o baile urbano, o graffiti e o stand up paddle (sup) ioga

Co obxectivo de animar o tempo de lecer e de fomentar a actividade física entre a rapazada de Pontevedra nestas datas de Nadal, a plataforma #PonteLovers e a Urban Culture Factory decidiron unirse para organizar talleres de cultura e deportes urbanos de balde destinados á rapazada de entre 5 e 16 anos. Os obradoiros, impulsados polas concellerías de Deportes e de Promoción Económica, celebraranse entre os días 19 de decembro e 5 de xaneiro e centraranse nas seguintes actividades: Iniciación ao Surf Skate, Iniciación ao Paddlesurf, Iniciación ao Skateboarding, Iniciación ao Baile Urbano, Graffiti para Nenxs e Iniciación ao Sup (Stand Up Paddle) Ioga para Nenxs.

Todos aqueles interesados en participar poderán facelo inscribíndose previamente a través do teléfono 682 65 39 04 en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, contemplándose a participación dun máximo de 5 rapaces por taller (os grupos pecharanse por estrita orde de inscrición). Os obradoiros de deportes urbanos desenvolveranse entre o 19 de decembro e o 5 de xaneiro en horario de mañá, de 9:30 a 14:00 horas, os de Iniciación ao Surf Skate na avenida de Montero Ríos e os de Iniciación ao Paddlesurf con saída dende a sede da Urban Culture Factory (avenida das Corbaceiras, 44).

Os de cultura urbana terán lugar do 19 ao 31 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro, todos eles en horario de tarde: o de Iniciación ao Skateboarding de 16:00 a 17:30 horas na sede da Urban Culture, o de Iniciación ao Baile Urbano de 18:00 a 19:30 horas (nas instalacións de tecnificación e o ximnasio da escola Mission Surf School, na rúa Peregrina, 48), o de Graffiti para Nenxs de 18:15 a 19:45 horas (Peregrina, 48) e o de Iniciación ao Sup Ioga para Nenxs de 16:00 a 17:45 horas (avenida das Corbaceiras, 44, ou Peregrina, 48).

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explica que “tendo en conta que a situación actual non é propicia para a convocatoria doutro tipo de actividades non individuais ou grupais coa asistencia de público e a merma na oferta das que eran habituais nestas datas de Nadal, os talleres deseñados pola Urban Culture Factory buscan dar visibilidade a deportes urbanos individuais de cultura urbana en auxe, como o skate, o baile urbano ou o sup ioga”. “Trátase de disciplinas de actividade individual -sinala o edil socialista- planificadas en base ás condicións excepcionais que vivimos, cunhas medidas e protocolos de prevención máis rigorosos. Serán uns tres talleres diarios cun nivel de iniciación e un máximo de 5 asistentes por taller”.

Todo o material de balde a disposición dos rapaces

Tino Fernández sinala que a escola de deportes urbanos encabezada por Emilio Castelo e Toño Escudero porá a disposición dos rapaces asistentes todo o material necesario para a realización de cada un dos obradoiros. Así, para a actividade de skate disporase do skatepark cuberto da Urban Culture Factory, que consta de dúas mini rampas de madeira de diferentes alturas para aprendizaxe e evolución, 12 skates de diferentes medidas e equipos de protección (cascos, xeonlleiras e codeiras). Para a de graffiti contarán con rotuladores, lápices, cartolinas, mascarillas, hidroxel, paneis verticais de madeira e cartón: traballarase primeiro a idea do bosquexo e logo farase unha demostración con varias intervencións dos nenxs na rúa con sprays de cores guiados polo graffiteiro O Ras, que será o seu profesor na aula de formación de Mission Surf School e no patio interior das instalacións (nun patio interior de 80 metros cadrados).

Para o taller de baile urbano cóntase coas instalacións de tecnificación e o ximnasio da escola Mission Surf School, mentres que para a actividade de sup ioga disporase de 25 paddle surf de diferentes medidas, 40 neoprenos de diversas tallas, 38 remos, 29 chalecos salvavidas, unha estrela de sup ioga con capacidade de amarre para 8 paddle sup, un paddle sup XXL con capacidade para 10 usuarios e 40 inventos (‘life line’) de seguridade.

Os obradoiros de skate levaranse a cabo nas instalacións da Urban Culture Factory, no número 44 da avenida das Corbaceiras, e as saídas ao aire libre das actividades de skate e surf skate desenvolveranse na avenida de Montero Ríos. No caso da de sup ioga, realizarase na lámina de auga comprendida entre a ponte da autoestrada e a praia fluvial do Lérez (no caso de mal tempo, trasladaríase a unha aula de ioga normal nun espazo habilitado para tal fin no ximnasio da Mission Surf School, onde tamén se realizarán as actividades de baile).

As medidas e protocolos de prevención están baseados na Guía Básica ISSGA para a elaboración do Plan de Continxencia, así como nos protocolos da Federación Galega de Patinaxe, Paddle Surf e Surf. Asemade, Urban Culture tamén está elaborando actualmente a través dun contrato coa empresa Ibersys Seguridade e Saúde Laboral un plan específico de medidas preventivas e de contención. O concelleiro de Deportes constata que, entre outras medidas, “o material será persoal e intransferible para cada alumno e desinfectarase cada día despois de cada taller para evitar contaxios e transmisións da calquera virus”.