Benestar Social e Meniños inician o reparto dos 514 agasallos recollidos polo programa (en)Volve

24
  • Tino Fernández e Marcos Rey achéganse ata os almacéns da Casa Azul para supervisar a distribución de boa parte das 13.000 mascarillas doadas ao Concello pola Subdelegación do Goberno

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegáronse esta mañá ata a Casa Azul para supervisar a entrega de agasallos que o Concello e a Fundación Meniños acaban de poñer en marcha dentro do programa municipal (en)Volve. A iniciativa acadou este ano a colaboración de 683 cómplices, cun total de 514 agasallos recibidos, dos que xa foron entregados 197 presentes.

Tal e como salientou Marcos Rey, a campaña está a amosar que Pontevedra “é unha cidade tremendamente solidaria”, ao dispoñer dun número de cómplices moi superior ao das 594 cartas recibidas (hai 604 rapaces confirmados nesta edición de (en)Volve). O coordinador de Meniños, Roberto Antón, sinalou que a Fundación está a realizar unha enquisa sobre os niveis de satisfacción coa campaña entre cómplices, “cuns resultados que non poden ser mellores: o 87% puntúan a campaña cun 10 e o 98% participarían na campaña o vindeiro ano”.

Ademais, Tino Fernández e Marcos Rey puideron supervisar o reparto de parte das 13.000 mascarillas doadas pola Subdelegación do Goberno ao Concello e que a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños acaban de comezar a distribuír, tamén dende os almacéns da Casa Azul. Segundo lembrou Tino Fernández, “estes elementos de protección xa comezaron a chegar ás mans de familias en situación de vulnerabilidade e de diversas entidades sociais, que as farán chegar a aqueles que máis o precisan”.