O Concello aproba o convenio para construír a vía entre Rosalía de Castro e a avenida de Marín

38

O Concello será o encargado de licitar e executar o proxecto  que pasará pola parcela dos circos, e que ten un custe de máis de 900.000 euros e un prazo de execución de 9 meses.

Dende o punto de vista administrativo, está pendente a cesión do terreo por parte de Costas e un informe sectorial de Adif.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o convenio de colaboración coa Deputación provincial de Pontevedra para a execución da vía de conexión de Rosalía de Castro coa avenida de Marín na parcela que na actualidade ocupan os circos. A sinatura final do acordo será cando a Deputación aprobe o convenio na súa Xunta de Goberno.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que se trata dun expediente complexo porque hai moitas administracións implicadas no seu desenvolvemento:

  • Xunta de Galicia. Coa cesión do treito urbano de Rosalía de Castro, unha cesión xa realizada.
  • Costas do Estado: que tiña que emitir informe ambiental que xa consta no expediente, pero que está pendente da cesión demanial da parcela que se vai a ocupar para facer a vía.
  • Deputación provincial: encargada da financiamento e da redacción do proxecto.
  • Concello de Pontevedra: encargado da licitación e da execución da obra.

Anabel Gulías explicou que o Concello de Pontevedra estará en disposición de iniciar a obra ao longo do ano que vén, no caso de obter a cesión de Costas, cuxas conversas están moi avanzadas; e tamén o informe sectorial de Adif, que tamén está pendente.

O proxecto da nova vía entre Rosalía de Castro e a avenida de Marín ten un custe de licitación de 938.824,63 euros (264.964,58 euros se achegarán este ano) e un prazo de execución de 9 meses. Ao seu remate a titularidade pasará a mans do Concello.

Trátase dunha vía que permitirá desviar o tráfico pesado cara a avenida de Marín para retiralo do treito máis urbano, e tamén permeabilizar unha das saídas sur da cidade.

O proxecto

O proxecto contempla sendas peonís ao longo dos 97 metros de lonxitude do vial, para conectar coa senda da ría da avenida de Marín; levará dous carrís de circulación, un en cada sentido; unha rotonda en cada extremo do vial; 3 novos pasos de peóns sobreelevados; e alumeado de alta calidade ao longo de todo o vial e columnas de iluminación en ambas rotondas para evitar problemas de accesibilidade respecto da luz. A construción da rotonda de conexión coa avenida de Marín suporá que se teña que refacer un pequeno treito da propia avenida de Marín.