O Concello pon a disposición da Xunta a parcela para a construción da residencia da terceira idade

22

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou esta mañá a posta a disposición da parcela de 5.000 m2, situada na Unidade de actuación urbanística número 18 (situada entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) para a Consellería de Política Social para a construción da residencia de maiores.

Esta posta a disposición permite iniciar os trámites para a cesión gratuíta da parcela. Ao tempo, tamén se inicia a reversión das parcelas do estacionamento de bordo da Parda, ofrecidas inicialmente para a construción da residencia, xa que se trataba dun terreo máis pequeno (3.000 m2) e cunha disposición máis irregular.

A parcela de Doce de novembro responde ás características do tipo de terreo que solicita a Xunta para un mellor aproveitamento e funcionamento posterior desta residencia pública. A idea é que a residencia teña tan só baixo e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por planta, e que conte cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias. O proxecto contempla 120 prazas, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento e un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.